Friday 22 de November de 2024

Conde salienta que o selo Galicia Calidade apuntala á adega Vía Romana como referente da empresa familiar galega capaz de competir nos mercados globais


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria visita a adega chantadina, que conta coas máis modernas técnicas de tratamento e elaboración de viños, que se suman á gran calidade da materia prima e a exhaustivos controis de calidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que o selo galicia Calidade apuntalará á adega Vía Romana como referente da empresa familiar galega que ten sido capaz de expandirse e competir nos mercados globais. Conde entregou hoxe o certificado de Galicia Calidade, que recoñece o seu mencía, aos responsables da compañía chantadina, caracterizada “por unha forma distinta e galega de facer as cousas”, plenamente comprometida coa calidade a través das máis avanzadas técnicas de tratamento e elaboración de viños, unidas á gran calidade da materia prima e a exhaustivos controis de calidade.

Conde, que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, subliñou que Vía Romana é o símbolo do grupo empresarial chantadino ViniGalicia, que tense convertido “nun puntal do noso sector vitivinícola, presente en preto de 30 países desde o mesmo corazón da Ribeira Sacra”, configúrandose como unha das principais empresas do sector en Galicia sumando viños de Ribeira Sacra, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, entre outros, ademais de augardentes e licores, vinos espumosos, de cociña, sangría e aceites.

“ViniGalicia, a través da adega Vía Romana, segue así o traxecto doutras empresas que están levando ás nosas mellores referencias vinícolas por todo o mundo, baixo o selo Galicia Calidade, contribuíndo así de forma clara a facer Marca Galicia”, dixo Conde. Coa vinculación entre Galicia Calidade e Vía Romana, a marca de garantía da un paso máis no recoñecemento do sector vitivinícola galego, que incorpora xa 13 adegas das 5 denominacións de orixe, con Adega Eidos, Adegas Altos de Torona, Adegas Valdés, Vilarvín, Señorío de Rubiós e Adega Paco & Lola, en Rías Baixas; Quinta do Buble e Gargalo, en Monterrei; Adegas Ruchel e A Coroa, en Valdeorras; Adegas Nairoa; en O Ribeiro; e Regina Viarum e agora Vía Romana en Ribeira Sacra.

Coa incorporación desta última adega, Galicia Calidade suma xa 55 empresas e máis de 350 produtos certificados. Conde destacou tamén que, no marco da Estratexia Galicia Calidade 2014-2016, a Consellería de Economía, Emprego e Industria chegou a acordos nos últimos meses para estender o selo de garantía a outros sectores da economía galega como o granito, a biomasa ou o turismo.