Tuesday 26 de November de 2024

Rey Varela subliña o compromiso da Xunta cos menores e destaca a importancia dos puntos de encontro familiar para “defender os intereses prioritarios dos nenos e das nenas”


Lembra que a Consellería de Política Social destina en 2015 un orzamento de 667.768 euros para estes centros e que as obras e acondicionamento dos locais supuxeron un investimento de 685.688 euros

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou o Punto de Encontro Familiar da Coruña da Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación Meniños. Alí, o responsable da área social salientou a importancia deste recurso que permite “garantir o dereito dos nenos e nenas a seguir relacionándose cos membros da súa familia, cando estes están inmersos en situacións de conflito”. Non cabe dúbida, dixo o conselleiro, que “os menores son unha peza fundamental na nosa Consellería, polo que a Xunta velará por defender os seus intereses prioritarios para un axeitado desenvolvemento procurando a súa seguridade e benestar”.

No acto, no que estivo acompañado pola directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, e polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, Rey Varela gabou a Rede de puntos de encontro familiar de Galicia integrada por sete centros, todos eles titularidade da Xunta de Galicia e sitos na provincia da Coruña (3), Pontevedra (2), Lugo e Ourense. O conselleiro salientou a importancia destes puntos para os que a Xunta de Galicia destina en 2015 un orzamento de 667.768 euros e cuxas obras e acondicionamento, recentemente realizadas, supuxeron un investimento total de 685.688 euros, sendo o da Coruña, o local que maior financiamento recibiu con 240.724 euros.

Na súa intervención, o responsable da carteira social enumerou os obxectivos dos puntos de encontro familiar que procuran “favorecer o cumprimento do réxime de visitas como dereito fundamental dos menores a manter a relación con ambos proxenitores; facilitar o encontro dos fillos co proxenitor non custodio e coa súa familia extensa; e garantir a seguridade dos menores durante o cumprimento do réxime de visitas así como previr situacións de violencia”.

PEF da Coruña
O punto de encontro familiar da Coruña é un dos PEF de Galicia con maior volume de persoas usuarias. En 2015 atendeu a 250 nenos e nenas e 518 persoas adultas que corresponden a 158 familias.

No ano pasado, o PEF da Coruña levou a cabo 2.482 intercambios, 798 visitas supervisadas, 150 visitas tuteladas, así como 4.326 intervencións técnicas, 382 actuacións de asesoramento ás familias, 80 actuacións de mediación familiar e 94 informes.