Friday 22 de November de 2024

Medio Rural reparte aos apicultores outras 1.200 trampas e líquido atraente para a loita contra a vespa velutina


Esta entrega súmase ás 2.800 trampas repartidas na primavera e o outono de 2015

A Consellería do Medio Rural comezou a distribuír 1.200 trampas comerciais e botes de líquido atraente aos apicultores con asentamentos apícolas localizados en concellos nos que se detectaron niños desta especie invasora. A cantidade de trampas a distribuír a cada apicultor depende do número de colmeas que posúan. A finalidade desta medida é intensificar o vixente programa de control da Vespa velutina coa colocación de trampas para a captura de raíñas na primavera, cando estas saen da época de hibernación. Deste xeito, cada raíña capturada podería significar un niño menos na contorna na tempada 2016. As experiencias na loita fronte á Vespa velutina sinalan que a colocación de trampas nas inmediacións dos colmeares presenta unha alta eficacia na captura das raíñas.

Na primavera de 2015 o departamento que dirixe Ángeles Vázquez xa realizou o reparto doutras 1.300 trampas –en concellos nos que se detectaran niños no ano 2014–, destinadas tamén á captura de exemplares de raíñas fundadoras. Ademais, en outono de 2015 repartíronse outras 1.500 trampas, para a recollida de raíñas antes da hibernación.

O actual reparto de trampas realizarase aos apicultores dos concellos nos que non se entregaron estes dispositivos na primavera e outono pasado, posto que naqueles asentamentos apícolas para os que a Consellería xa entregou anteriormente trampas, os apicultores poden seguir utilizándoas mediante o uso de atraentes caseiros. Os concellos para os que se reparten agora trampas son aqueles nos que se detectaron niños no período final da tempada pasada, dende o mes de decembro do pasado ano. A entrega de trampas e botes de líquido atraente comezou esta semana, realizándose a través das Oficinas Agrarias Comarcais. Os apicultores afectados recibirán unha carta no seu domicilio, na que a Consellería lles informará da oficina á que poden acudir para recoller o material. Ademais, Medio Rural manterá un stock doutras 800 trampas, por se foran detectados niños en novos concellos nos que non se distribuíran anteriormente.

Plan de vixilancia e control
Para minimizar os efectos desta vespa, a Xunta desenvolve un Plan de vixilancia e control que inclúe, ademais destas medidas, a colocación de trampas para detectar a evolución da difusión do insecto no territorio e a localización de niños para a súa eliminación. A través deste plan, localizáronse ao longo de 2014 máis de 900 niños da vespa, actuándose no ano 2015 en preto de 5.000 niños, o que supuxo unha importante axuda no control deste insecto.