As melloras neste espazo súmanse a intervencións xa executadas este ano, como as levadas a cabo na Cruyff Court do barrio de Novo Mesoiro
O Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de impulso ás infraestruturas deportivas da cidade. Nestas semanas licitáronse a reforma do campo 1 da Cidade Deportiva da Torre e a construción da pista multideporte na Silva
O Concello da Coruña iniciará nos vindeiros días os traballos de renovación integral do céspede artificial da pista multideporte de Santa Margarida, unha das principais infraestruturas de ocio existentes no parque, habilitada para practicar fútbol en espazos reducidos e tamén baloncesto.
Atendendo ás solicitudes das e dos usuarios habituais da pista, acometerase a substitución da superficie de xogo, onde os informes técnicos municipais apuntan á erosión experimentada no tapete de céspede artificial pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas, o paso do tempo e tamén polo seu uso diario.
“A liña de acción do Concello é seguir apostando por ampliar as dotacións públicas nos barrios, para o desfrute e lecer da veciñanza, e tamén por mellorar as xa existentes. Isto inclúe os espazos deportivos, porque entendemos que son fundamentais para promover a práctica deportiva ao aire libre e tamén o fomento dos hábitos saudables”, apuntou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de continuidade para mellorar as diversas infraestruturas deportivas dos barrios da Coruña, unha folla de ruta que, neste ano, xa supuxo melloras na pista de fútbol Cruyff Court de Novo Mesoiro, onde se renovou o tapete de céspede artificial e tamén se instalaron novas luminarias na contorna da instalación.
A isto súmanse catro recentes licitacións: a primeira, a reforma do campo de fútbol número 1 da Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, unha intervención na que se levará a cabo un investimento de 419.000 euros; as obras de construción da área infantil e a pista multideporte da Silva, intervencións ás que se destinan outros 345.000 euros; o plan de melloras no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, a Leyma, onde se investirán 450.000 euros; e as obras para crear a nova pista multideporte dos Rosales, á que o Concello destinará unha partida de 250.000 euros.