Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “Enmanuel Reyes representa os valores que temos que inculcar no deporte coruñés”


A alcaldesa recibiu ao boxeador e felicitouno pola súa medalla de bronce en París

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá en María Pita ao boxeador coruñés Enmanuel Reyes Pla, que conseguiu a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de París 2024 na categoria de menos de 92 quilos. Reyes, que foi bolseiro do Concello, acadou este fito para o boxeo español nas súas segundas olimpiadas.
”Enmanuel representa os valores que temos que inculcar no deporte coruñés e na vida en xeral. Valores como o sacrificio e a perseverancia ata acadar o seu soño levárono ata esta medalla”, sinalou Inés Rey. A alcaldesa destacou o apoio que dá o Concello a través do seu programa de bolsas a deportistas, do que formou parte Reyes e no que están outras atletas olímpicas como Julia Benedetti e María de Valdés, ás que a alcaldesa tamén felicitou pola súa participación en París.
“Como Administración temos que acompañar aos nosos deportistas durante a súa formación e apoialos para que participen en campionatos que lles permitan aspirar a disputar uns Xogos Olímpicos”, indicou. O Concello destina 120.000 euros anuais a este tipo de axudas.

Rey entregoulle a Enmanuel Reyes un agasallo durante a recepción, na que luciu a súa medalla de bronce, primeiro metal español en boxeo en 24 anos. O boxeador de orixe cubana dixo estar confiado en poder mellorar este logro en Los Ángeles 2028.

A alcaldesa tamén quixo desexar sorte aos deportistas coruñeses que disputarán os Xogos Paraolímpicos de París. Trátase do nadador Jacobo Garrido e o ciclista Damián Ramos.