O concerto, que comezará ás 21.00 horas, abre camiño a unha programación de cinco xornadas nas que terán protagonismo a Banda Municipal, a Orquestra Gaos, a Orquestra de Cámara Galega e a cantante Diana Navarro
A As Festas de María Pita abren este sábado unha nova fase da súa programación co inicio da Semana Clásica, que nos vindeiros días achegará ao público a formacións tan prestixiosas como a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), a Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), a Orquestra Gaos e a Orquestra de Cámara Galega.
Será a OSG, con Roberto González-Monjas á fronte, a que marcará o punto de partida do calendario de concertos previsto entre esta semana e a que vén. Mañá, ás 21.00 horas e na praza de María Pita, a Orquestra e o Coro da Sinfónica de Galicia interpretarán un clásico como a Novena sinfonía de Beethoven, unha actuación que será aberta ao público ata completar a capacidade prevista na explanada.
Rosalía Cid como soprano, Carmen Artaza como mezzo, Matteo Ivan Rasic como tenor e Gabriel Rollinson como barítono, serán catro dos protagonistas da actuación, na que Javier Fajardo exercerá como director do Coro.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a “calidade da programación” e tamén “a aposta do Goberno de Inés Rey polas formacións musicais coruñesas e galegas no contexto da Semana Clásica”, nunhas datas tan tradicionais e marcadas no calendario da cidade como son as Festas de María Pita.
A programación continuará este domingo 18 coa BMMC
Xa este domingo 18, ás 21.00 horas, será o turno da Banda Municipal de Música da Coruña, que interpretará en María Pita ‘A noite das cancións extraordinarias’. A Banda estará acompañada por
Rosa Cedrón —voz de Luar na Lubre durante case unha década—, Paco Lodeiro, Xurxo Souto e Miguel Ladrón de Guevara.
Un día despois, o luns 19, Abraham Cupeiro acompañará a Orquestra GAOS nun concerto que comezará ás 21.00 horas na praza de María Pita, novamente con entrada de balde.
O martes 20 será o turno da Orquestra de Cámara Galega, que collerá o testemuño na Semana Clásica para interpretar o cuarto concerto da programación. Será, unha vez máis, en María Pita, tamén ás 21.00 horas.
O peche, coa Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia e Diana Navarro
A Semana Clásica concluirá o vindeiro xoves 22 cunha actuación moi especial: a que levarán a cabo a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia coa cantante malagueña Diana Navarro, proposta en dúas ocasións aos premios Grammy.
Julio Awad levará a batuta durante o concerto, no que se interpretarán clásicos fundamentais na carreira da artista andaluza, como ‘24 rosas’, ‘Ojos verdes’ o ‘El perdón’.
A actuación terá lugar na praza de María Pita ás 21.00 horas.