Friday 22 de November de 2024

As obras tamén obrigarán a cortar a marxe dereita do paseo fluvial, pero tanto neste ámbito coma na ponte garantirase a comunicación peonil


A demolición do edificio da rúa Fomento manterá a ponte da Casilla pechada ao tráfico rodado durante a semana que vén

Dentro do plan de xestión do risco de inundación nas beiras do Anllóns que leva a cabo a Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Carballo, avanzan as obras na ponte da Casilla. Segundo vén de comunicar a empresa construtora, Copasa, a semana que vén comezarán unha serie de actuacións que obrigarán a modificar a mobilidade peonil e rodada nese ámbito.

Por unha banda, entre o luns 19 e o martes 20 está previsto cortar o paseo fluvial entre as rúas Luis Calvo e Río para realizar o retanqueo do colector de augas residuais e da escollera, ademais da construción de motas de contención para crecidas do río. A rampla de acceso á rúa Río desde a Fomento permanecerá aberta, e manterase a comunicación peonil entre as rúas Fomento e Luís Calvo pola beirarrúa contigua aos edificios.

O martes 20 tamén está previsto comezar coa demolición do edificio situado no número 57 da rúa Fomento, que foi adquirido polo Concello de Carballo coa finalidade de ser derrubado para poder ampliar a canle do río. Por seguridade, a ponte quedará pechada ao tráfico rodado ata o venres 23, e a partir dese día, se non hai contratempos, reabrirase o carril de saída cara Coristanco. As obras non impedirán o tránsito peonil, xa que a empresa ten previsto habilitar un paso pola beirarrúa da outra marxe.

Augas de Galicia está a realizar nesta actuación un investimento de 1,8 millóns de euros. As obras, que comezaron a principios de xullo e teñen un prazo de execución de oito meses, inclúen, ademais do derrubo do edificio e da ponte actual, a construción dunha nova ponte con dous carrís de circulación e beirarrúas, unha senda inundable na beira do río e novos accesos ao paseo fluvial, tanto desde a rúa Fomento coma desde a Avenida de Fisterra.

Ponte da Lagoa
Na outra ponte que está en obras, a da Lagoa ou da Milagrosa, a UTE formada por Seranco SAU e Cycasa Canteras y Construcciones SA avanza na execución dos traballos, que empezaron en febreiro e tamén teñen un prazo de execución é de oito meses. A ponte xa foi desmontada e, segundo a planificación da empresa, para estes días está prevista a chegada da nova estrutura, polo que, se todo vai segundo o previsto, a principios de outubro podería reabrirse á circulación, tanto peonil coma rodada.

A área de Planificación Urbana, Policía e Mobilidade e Policía mantén o plan de tráfico que se puxo en marcha coincidindo co arranque das obras na Milagrosa, e que xa proposta que inclúe as medidas necesarias para minimizar no posible os problemas de tráfico derivados tanto do corte da ponte da Lagoa coma da ponte de Isabel II.
Desde o Concello de Carballo agradecemos a paciencia e a colaboración da veciñanza. Agardamos que o desenvolvemento das obras sexa rápido e que a coincidencia dos traballos nas pontes da rúa Sol e da Casilla sexa o menor tempo posible.