O encontro audiovisual de San Sadurniño celebrará unha nova edición do 6 ao 8 de setembro, aínda que nos días anteriores haberá xa dous obradoiros
O encontro audiovisual Chanfaina lab deu a coñecer hai uns días a súa imaxe deste ano. Un deseño obra do artista gráfico Juanlu Nacha que se inspira con toda a intencionalidade no logo dos estudios cinematográficos estadounidenses Paramount, coa diferencia de que, en vez do monte Atensoraju (que está no Perú, curiosamente), o que aparece é o castelo de Naraío no alto do seu penedo. E é que a fortaleza será a protagonista da edición 2024, continuando deste xeito co costume iniciado o ano pasado de dedicarlle o festival a un punto determinado do territorio. Malia que os días centrais do Chanfaina Lab serán do 6 ao 8 de setembro, a cita comezará xa a semana que vén, o mércores 21 e o venres 23, cun obradoiro gratuíto de interpretación impartido polo actor Kevin Lorenzo. As inscricións poden facerse no 616 016 793 ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.
Nado en Xixón pero criado en Galicia, Kevin Lorenzo (1991) é un actor de cine e televisión fixo en case todas as edicións do Chanfaina lab desde hai varios anos, xa sexa escribindo e gravando as súas propias pezas, interpretando as doutras realizadoras e realizadores ou botando un cabo na produción e na loxística do propio festival.
Este ano engádelle unha función máis: conducir un obradoiro sobre interpretación de oito horas de duración (dúas xornadas de catro horas), que terá lugar os días 21 e 23 de agosto en horario de 16:00 a 20:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño. Nel traballarase a expresión oral e corporal, a improvisación e a interpretación de escenas. Para participar non fai falla experiencia previa e a master class estará aberta a todas as idades.
O obradoiro de Lorenzo encádrase nas actividades formativas organizadas arredor do festival, que na presente edición se separan un chisco dos tres días de filmación. O seguinte taller terémolo os días 28 e 30 de agosto de 9:30 a 13:30h co documentalista Domingo D. Docampo, quen falará en “Sobrevivir a unha filmación” sobre a importancia da produción e planificación audiovisual, especialmente complexa cando se trata dun xénero coma o documental.
O último dos obradoiros terá lugar pasado xa o Chanfaina, os días 9 e 16 de novembro de 10 a 13:00h, conducido polo realizador Juan Lesta. O título das sesións é “Despois da rodaxe, tesoira” e nelas abordaranse as técnicas de montaxe posteriores á gravación.
Os tres obradoiros -igual que o resto das actividades do Chanfaina Lab- son gratuítos. Para inscribirse é necesario chamar ou enviar unha mensaxe de whatsapp ao 616 016 793, ou ben remitir un correo electrónico a cemit.sansadurnino@xunta.gal.
Tres días de filmacións
Nas datas centrais, do 6 ao 8 de setembro, o Chanfaina lab repetirá o marco xeral do seu programa. Comezará coa recepción de participantes durante o primeiro día. Tras acomodarse e coñecer o equipo que lles ofrecerá apoio no seu labor de reinterpretar visualmente o territorio, as creadoras e creadores farán durante a tarde un pequeno percorrido polo pasado medieval de San Sadurniño, guiado polo historiador e arqueólogo Eloy Saavedra.
Achegaranse a elementos destacados do patrimonio como a ponte da Ferraría, unha antiga casa de labranza que aínda atesoura na fachada símbolos dos Andrade e, finalmente, o castelo de Naraío, situado sobre un grande rochedo desprendido da inmensa burbulla granítica do Forgoselo, enclave sur do Xeoparque do Cabo Ortegal que protagonizou a edición do ano pasado.
Tralo itinerario -que tamén é unha maneira de situar ás e aos cineastas no territorio onde terán que filmar- o programa proseguirá o venres ás 20:00h na Eira de Cineastas -na Casa da Cultura- en que todas elas e eles se presentan amosando un anaco do seu traballo.
O sábado 7, día de gravacións, a Casa da Cultura acollerá ás 20:00h o ciclo Clásicos Chanfaina lab, dedicado este ano ás pezas producidas nas anteriores edicións que dun xeito ou doutro pousaron a súa ollada no castelo de Naraío, protagonista asemade do cartel inspirado por deseño e cor no logo empregado por Paramount Pictures entre 1975 e 1987, o quinto dos sete que tiveron os estudios nos seus máis de cen anos de historia.
O domingo 8 de setembro o Chanfaina lab despedirá a súa primeira parte -a segunda será a estrea das pezas en febreiro- mesturando cine e teatro na comedia “Sesión continua” de Bucanero Teatro. A obra, escrita polo desaparecido Lino Braxe, representarase ás 20:00h.
Na parte creativa, o Chanfaina lab volverá reunir este ano nomes consagrados do audiovisual galego con valores emerxentes e persoas sen experiencia previa. Confirmaron que estarán Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Fran Bermúdez, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xaime Fandiño, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Cora Peña, Héctor Pousa, Paula Pumares, Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata, e os colectivos A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha Horta e The Sun Girls.
O encontro audiovisual está organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.