Friday 22 de November de 2024

A Coruña exhibe o seu potencial cultural en Lorient ante as nacións celtas


O concelleiro Gonzalo Castro presidiu o acto institucional da cidade no Festival Intercéltico

A cidade da Coruña exhibiu esta tarde no Festival Intercéltico de Lorient todo o seu potencial cultural e turístico nun acto institucional que estivo presidido polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Ao evento asistiron as persoas delegadas das diferentes nacións celtas.

A Coruña representa neste evento, un dos máis importantes de folclore do mundo, a Galicia grazas ao apoio do Concello, que conta cun espazo na sección ‘Place des Pays Celtes’, no que durante toda a semana estase a divulgar información turística e cultural da cidade entre os milleiros de asistentes ao festival. Esta tarde, frente a representantes dos distintos países, Gonzalo Castro reafirmou “o compromiso da nosa alcaldesa Inés Rey coa cultura de raíz”, ao amosar ao público de Lorient o traballo e as iniciativas das entidades de cultura galega coruñesas, que están apoiadas activamente polo Concello.

O acto, ao que estaban convidados representantes de Escocia, Gales, Irlanda, Illa de Man, Cornualles, Asturias e Bretaña, estivo amenizado por unha banda de gaiteiros e interpretáronse pezas tradicionais galegas. Nesta edición, a previsión é que haxa máis de 750.000 asistentes durante o conxunto dos días.

Castro valorou moi positivamente a presenza da Coruña en Lorient, toda vez que ademais de amosar nun evento de primeiro nivel o nivel cultural da cidade, tamén se exhibiu o potencial turístico da cidade a través da campaña Cultura de Vivir. No espazo da Coruña houbo diferentes materiais turísticos a disposición das persoas asistentes.