Friday 22 de November de 2024

Asinado o contrato das obras de ampliación da rede de abastecemento de auga ata Entrecruces, que superan os 600.000 euros


O Concello de Carballo destina cada ano unha media de dous millóns de euros ao ciclo integral da auga

O Concello de Carballo vén de asinar coa empresa Vázquez y Reino o contrato para a execución das obras de extensión da rede de abastecemento de auga desde A Canosa (Rus) ata Entrecruces, un proxecto ao que destinamos 632.306,75 euros e que permitirá prolongar a rede xeral ata os lugares de Casaldares, Taboada, O Piñeiro e A Igrexa. En total colocaranse 6.227 metros de tubaxes. Desta actuación tamén se beneficiará a veciñanza de Outeiriños, A Granxa e A Redonda, que contan xa coas canalizacións e que poderán conectarse á rede.

Xunto a este gran proxecto, financiado con fondos municipais, tamén se veñen de adxudicar á empresa Gestal y López as obras de mellora e ampliación da rede de abastecemento aos núcleos de Rebordelos e A Igrexa de Artes, rúas Lirios e Salgueiros (Carballo) e Barís (Rus), así como os treitos pendentes na rúa Fonte de Razo e no lugar de Quintáns (Ardaña). O orzamento acada os 168.375 euros.

Entre as actuacións en marcha do ciclo integral da auga figura tamén o proxecto de reparación e mantemento do depósito do Añón de Verdillo, que suporá un investimento de 163.149,21 euros. A obra está en contratación.

Continuando coas directrices establecidas nos plans directores para a mellora dos servizos de abastecemento e saneamento no noso concello, que inclúe as actuacións precisas para estendelos a toda a poboación, por unha banda, e para eliminar progresivamente as antigas redes de fibrocemento existentes na zona urbana, por outra, dentro do POS+Complementario 2023 están incluídos outros dous proxectos: a ampliación da rede de abastecemento ao Espiño, Ramil (Sísamo), O Piñeiro e Goiáns de Arriba (Goiáns), cun investimento de 221.208,87 euros, e a execución da rede de pluviais nas rúas Bronce, Ferro, Cobre e Lousa, do parque empresarial de Bértoa: 353.476,44 euros.

10 millóns en cinco anos
Con estas actuacións, o investimento realizado polo Concello de Carballo no ciclo integral da auga nos últimos cinco anos achégase aos 10 millóns de euros, o que supón unha media de dous millóns por ano. Aquí tes unha relación das principais infraestruturas realizadas e que xa están en servizo:
• Rede de saneamento nos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (Artes): 199.884,67 euros
• Redes de saneamento e abastecemento nos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega (Bértoa): 368.311,59 euros
• Rede de saneamento en A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños (Entrecruces): 215.000 euros
• Rede de saneamento de Taboada e A Granxa (Entrecruces): 231.080,81 euros
• Rede de abastecemento de auga aos núcleos de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns), 171.006,65 euros
• Construción da rede de abastecemento ao núcleo de Lema: 431.876,23 euros
• Redes de saneamento e abastecemento de auga en Cambre de Lema e Cambrelle (Razo): 416.971,86 euros
• Rede de saneamento no Igrexario de Lema e en Arnados (Razo): 128.097,05 euros
• Rede de saneamento en O Pinar e Pedra do Sal (Lema), Vilar do Carballo (Oza), Razo da Costa e Santa Mariña (Razo): 182.867,41 euros
• Rede de abastecemento a Pedra do Sal: 687.472 euros
• Redes de saneamento e abastecemento a Vila de Uz (Oza): 230.194,51 euros
• Rede de abastecemento a Oza e Razo: 1.699.912,75 euros
• Redes de saneamento nos lugares de Betrís e Ribeira (Rus): 96.609,75 euros
• Redes de abastecemento de auga e saneamento dos lugares de Figueroa e Outeiro (Sísamo): 257.125 euros
• Rede de saneamento en A Piña e Evas (Sofán): 224.058,27 euros
• Rede de abastecemento de auga potable á zona baixa de Sofán: 700.171,12 euros
• Redes de saneamento e abastecemento nos lugares de O Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda (Verdillo): 275.001,32 euros
• Melloras na rede saneamento en nove puntos da zona urbana: 173.622,10 euros
• Posta en marcha dun sistema de desbaste na EDAR da Cepeira para evitar os problemas ausados polas toalliñas e outros residuos impropios da rede de saneamento: 616.481 euros
• Melloras da rede de abastecemento nunha vintena de rúas urbanas: 169.192,22 euros
• Conexión do depósito de Seixo Branco coa ETAP do rio Anllóns: 145.158,91 euros
• Ampliación das redes de saneamento e abastecemento no lugar de Vella Morta (Carballo): 103.636,44 euros (executada)