Friday 22 de November de 2024

O Concello adxudica por 46.101 euros a renovación da envolvente exterior da escola unitaria de Traba


• A actuación está enmarcada nunha liña de axudas da Dirección Xeral da Administración Local

O Concello de Laxe vén de adxudicar por 46.101 euros as obras de renovación da envolvente exterior da escola unitaria de Traba, localizada no lugar de As Melgueiras.

Os traballos consistirán na reparación e mellora da fachada do edificio, datado de 1985, xa que na actualidade presenta un estado de deterioro avanzado debido á antigüidade e ás inclemencias meteorolóxicas que ten que soportar. Isto provocou diferentes desperfectos, como fisuras e gretas, que orixinaron a aparición de humidades no interior.

A actuación consistirá, en primeiro lugar, no lavado da superficie e o saneamento da mesma para proceder, posteriormente, á substitución da carpintería exterior. Aproveitarase, ademais, para mellorar as propiedades térmicas do inmoble coa instalación do sistema SATE que estará composto por un panel ríxido de polistireno expandido EPS, excepto no arranque da fachada, onde se colocará un panel de polistireno extruído XPS para reducir a absorción da humidade.

O proxecto, impulsado polo Concello de Laxe, será subvencionado cunha liña de axudas da Dirección Xeral da Administración Local.

Dadas as características dos labores de reparación, o tempo estimado de execución é dun mes.

O alcalde, Francisco Charlín, asegurou que se trata dunha obra que “mostra o compromiso co benestar dos nosos veciños e veciñas” e que terá un “impacto directo na seguridade e na eficiencia deste edificio, tan importante para a parroquia de Traba e a súa xente”.

Pola súa parte, o concelleiro de Obras, Eulogio Constantino, destacou que estes traballos “suporán unha mellora considerable” e grazas aos cales “lograremos poñer fin aos problemas de humidades aos que vimos facendo fronde desde hai anos”.