— O obxectivo desta acción é fomentar a sensibilización, impulsar o coñecemento dos bens e incentivar boas prácticas e iniciativas de preservación
— A acción elixe seis bens patrimoniais da Comunidade de distintas épocas, estilos e zonas para animar ao coidado colectivo dunha das maiores riquezas de Galicia
— A campaña ‘Que siga contando a nosa historia’ dá continuidade a do pasado ano, ‘Por outros tantos máis’, encamiñada a difundir que a conservación destes elementos é unha tarefa compartida que require da implicación de toda a sociedade
— A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten destinado no último lustro máis de 55 M€ a políticas de salvagarda deste recursos
A Xunta de Galicia lanza a campaña Que siga contando a nosa historia coa que o Goberno galego busca fomentar a sensibilización cidadá sobre a importancia do coidado do patrimonio cultural da Comunidade autónoma. Deste xeito, preténdese reivindicar o inmenso valor que ten na configuración da nosa historia e identidade para as xeracións actuais e futuras.
O obxectivo desta acción da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é fomentar a concienciación da cidadanía, impulsar o coñecemento sobre estes bens e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións. Para iso, a Administración autonómica elixe seis bens patrimoniais da Comunidade, entre os que se inclúe algún con máis de 400 séculos de historia, que representan a gran riqueza patrimonial de todo o territorio con exemplos de diferentes tipoloxías, estilos, épocas e zonas.
En concreto, a campaña Que siga contando a nosa historia difunde imaxes de bens como o mosteiro de Santa María de Oia e a catedral de Santa María de Tui, en Pontevedra; o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón (A Coruña); e o santuario das Ermidas no Bolo (Ourense). De igual xeito, tamén se difunde a relevancia para o noso patrimonio da Cova de Eirós, en Triacastela (Lugo) e do campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes (A Coruña).
Deste xeito, o departamento que dirixe José López Campos procura trasladarlle á cidadanía un recordatorio dos anos e séculos que levan estes elementos entre nós axudando a construír a identidade de Galicia como pobo. Ao poñelos en valor, a campaña fai un chamamento á responsabilidade colectiva para impulsar a sensibilización e evitar comportamentos incívicos que, aínda que son illados, poden danar o noso patrimonio cultural, que conta en total con 781 Bens de Interese Cultural (BIC), así como milleiros de bens catalogados.
Continuidade á campaña Por outros tantos máis
Coa campaña Que siga contando a nosa historia tamén se quere trasladar aos galegos e ás galegas que a conservación do patrimonio é unha tarefa compartida que require tamén dun esforzo conxunto da sociedade.
Precisamente, esta campaña dá continuidade á Por outros tantos máis, que se puxo en marcha por estas datas o pasado ano, difundindo o valor e protección de bens como a Catedral de Santiago de Compostela, o Santuario de Santo Andrés de Teixido en Cedeira, a Muralla romana de Lugo ou o Mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos. Aparecen tamén o Castro de Viladonga en Castro Rei, os petróglifos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os Muíños do Folón e do Picón no Rosal ou a Igrexa da Veracruz no Carballiño.
Estas campañas encádranse no esforzo feito ao longo dos últimos anos para protexer, poñer en valor en divulgar o noso legado artístico e cultural como un símbolo de orgullo, identidade e riqueza para o país. Consecuentemente, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén unha política decidida a favor da salvagarda dun dos recursos con maior valor histórico, cultural, e turístico Galicia a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos.
Así o reflicten os máis de 55 M€ dedicados a este fin no último lustro pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou as intervencións aprobadas no último Consello da Xunta para actuar durante 2024 e 2025 en sete igrexas cun investimento de case 850.000€. Neste caso en concreto, o obxecto é levar a cabo actuacións de protección, conservación e rehabilitación na colexiata de Santa María do Campo na Coruña e nas Igrexas de Bugallido en Ames, de Santa Cristina de Fecha en Santiago, de Santiago do Deán na Pobra do Caramiñal, de Luou en Teo, e na de San Martiño de Rodís en Cerdeda. Ademais, tamén se levará a cabo traballos de protección e reparación da Igrexa de Santalla de Rebordaos, no Saviñao (Lugo).