Thursday 21 de November de 2024

O Concello acometerá o vindeiro martes 20 a reordenación viaria da rúa Sebastián Martínez Risco, que pasará a ser parcialmente de sentido único


A intervención permitirá mellorar a fluidez do tráfico rodado no interior do barrio, evitar incidencias asociadas á dobre fila preto do colexio Liceo La Paz e tamén incrementar a máis do dobre os espazos de estacionamento dispoñibles

O Concello iniciará o vindeiro martes 20 de agosto os traballos para a reordenación viaria do sector leste da rúa Sebastián Martínez Risco, no barrio de Matogrande, un percorrido que se reconfigurará para que a circulación de vehículos sexa en sentido único, a través dun só carril, ata o cruzamento coa rúa Luis Quintas Goyanes.

Esta medida foi aprobada polo Servizo municipal de Mobilidade para simplificar e desconxestionar este treito, tras avaliar as necesidades existentes neste punto de Matogrande, tanto no referente á seguridade peonil como no tocante aos intensos fluxos de tráfico rodado, circunstancias derivadas, en boa parte, polas entradas e saídas ao colexio Liceo La Paz.

Co obxectivo de resolver esta cuestión, trasladada tamén pola veciñanza do barrio, o Concello sinalizará o sector leste de Sebastián Martínez Risco como un único carril de circulación, desde o acceso da AC-10 e ata a intersección con Luis Quintas Goyanes, onde unha sinal de ceda marcará o punto no que as e os conductores poderán desviarse á dereita, xustamente cara a Luis Quintas Goyanes, ou ben de fronte, en dirección á rotonda interior de Matogrande.
Cómpre destacar que os dous accesos desde o Liceo La Paz, que habilitan ao paso dos autobuses escolares tanto para entrar como saír, estarán directamente conectados a este treito de Sebastián Martínez Risco que pasará a estar delimitado en sentido único.
O vindeiro luns 19 instalaranse as sinalizacións verticais que avisarán da imposibilidade de estacionar no sector leste de Sebastián Martínez Risco mentres se desenvolven os traballos de pintado sobre a calzada.

O incremento dos espazos de estacionamento en Matogrande
A reconfiguración do sector leste de Sebastián Martínez Risco para que pase a ser de sentido único suporá, ademais, a creación de máis prazas de estacionamento no treito que vai desde o acceso da AC-10 ata o cruzamento coa rúa Luis Quintas Goyanes, onde a meirande parte dos espazos habilitados actualmente son en liña. A remodelación prevista por Mobilidade, que deixará un carril de circulación, posibilitará que estes espazos sexan en batería, incrementando así a dotación actual para aparcar vehículos.

Só na recta de Sebastián Martínez Risco, a previsión é que se pase de case 30 espazos de estacionamento a un total de 60, o dobre, ás que se sumarán máis prazas, en batería, no sector de acceso desde a AC-10.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou hoxe que o Concello xa construíu este mesmo ano un aparcadoiro na contorna da rúa Sebastián Martínez Risco, que ampliou en 30 o número de prazas de estacionamento en Matogrande, unha medida que tamén axudará a evitar o estacionamento indebido que se detecta actualmente en franxas concretas do día na contorna do colexio Liceo La Paz.