• O Concello está repartindo miles de carteis, trípticos, bolsas e manteis para informar sobre o Código de Boas Prácticas Turísticas
Na tempada de verán do 2023, o Concello de Santiago de Compostela elaborou por primera vez un Código de Boas Prácticas, respostando as demandas de diferentes asociacións veciñais. O Código ía dirixido ás persoas que nos visitan, para trasladarlles que teñen dereito a gozar de Santiago de Compostela e o seu Patrimonio, pero tamén a obriga de coidalo.
A partires deste código elaborouse unha campaña de comunicación e información a través de múltiples canles, tanto de soportes físicos e en Internet, como con persoal que percorreu as diferentes entadas do Camiño de Santiago e as principais prazas turísticas da cidade para informar sobre os puntos do código.
Neste verán do 2024 o Concello de Compostela continúa traballando para contar cun modelo de turismo consciente, responsable e coidadoso tanto co Patrimonio da cidade como coa vida cotiá da veciñanza. Así é que xa se repartiron diferentes materiais en máis de 100 albergues, comercios e locais de hostalaría.
Cabe apuntar que, ao igual que o pasado ano, o reparto de materiais estase facendo non só na cidade, senón tamén en albergues dos últimos tramos dos diferentes Camiños. En concreto, no Camiño Francés, en Melide, Arzúa e O Pino; no Camiño Inglés en Oroso; Camiño Portugués en Padrón e Ames; e na Vía da Prata Silleda, A Estrada, Vedra e Boqueixón.
Este reparto de materiais é unha primeira fase que antecede á campaña que comezará na segunda quincena de agosto, que será máis ambiciosa que a primeira do ano pasado e incluirá novidades co obxectivo de chegar a un maior número de persoas e continuar concienciando sobre a necesidade de que as visitas turísticas sexan responsables e coidadosas co Patrimonio e as persoas residentes.