Friday 22 de November de 2024

Ribeira celebrou o Día da Galiza Mártir cunha ruada e cunha homenaxe ás vítimas da represión


O acto desenvolvido polo BNG para conmemorar o Día da Galiza Mártir principiou coas palabras do responsable local do Bloque, Rafael Pena, quen explicou que o evento pretende ser un acto de lembranza e recoñecemento de todos aqueles galegos e galegas que sufriron a represión ou foron asasinados polo fascismo como consecuencia de defender a democracia, a liberdade e a xustiza social en Galiza.

A concelleira de Cultura, Antía Alberte, fixo unha reflexión de como “é bo recoñecer o labor de persoas como Alexandre Bóveda e cando te vas facendo adulta, decátaste de que tiveron que vivir innumerables vivencias, algunhas que calquera de nós podería estar pasando polo que, lendo agora as biografías destes ilustres, podemos sentimos reflexados. Estas persoas foron asasinadas por participar en tertulias, por redactar estatutos, facer política, falar en galego, etc. estas persoas foron asasinadas por ser coma nós” asegurou.

A comitiva dirixiuse logo á rúa Manuel Lustres Rivas, onde tomou a palabra o profesor e escritor, Carlos Callón, quen explicou a traxectoria deste ilustre ribeirense. “Ao longo dos anos, declarara a súa posición favorábel á introdución do galego no ensino (por exemplo, apoiou a primeira manifestación para a inclusión da nosa lingua na Universidade, no ano 1910), polos dereitos das labregas e dos mariñeiros, e polo autogoberno para o noso país. Informaba e opinaba desde unhas coordenadas democráticas e galegas. Esa foi a folla de cargos pola que o encarceraron en condicións lastimosas, e pola que o mataron”.

O profesor tamén aproveitou para poñer en valor o traballo feito “se, por exemplo, hoxe hai unha biblioteca Manuel Lustres Rivas ou non temos que padecer a insultante placa dunha rúa “general Franco” é tamén pola actitude perseverante do BNG e de persoas como Mariano Vidal, Plácido Betanzos, Xosé Alberte Lorenzo, Luís Hespaña ou Antón Parada. Seguimos hoxe os camiños que nos ensinaron.”

A última parada foi no monumento ás vítimas da ditadura -inaugurado o pasado mes de novembro- onde tomou a palabra o integrante da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMHB), Xan Hermida, para explicar que dende a entidade van seguir traballando para acadar avances que permitan homenaxear e recoñecer as vítimas. Neste sentido asegurou que pedirán aos concellos da contorna que anulen calquera referencia a fillos predilectos ou adoutivos de dirixentes franquista distinguidos. Hermida aproveitou para anunciar que xa traballan nun proxecto que verá a luz en xaneiro do ano 2025, será a publicación dun cómic que recolla a vida e obra do ribeirense Xulio Silva, asasinado en Boisaca e ademais promoverán un concurso comarcal dirixido a alumnado de Primaria e Secundaria sobre memoria histórica e dereitos humanos.

Para clausurar o evento o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, agradeceu a implicación da sociedade e lembrou que “evocar a figura de Bóveda, de Lustres Rivas e das máis de 100 persoas de Ribeira represaliadas, non só miramos ao pasado, tamén diriximos a nosa mirada cara ao futuro porque a memoria non é un acto de nostalxia, supón un acto de xustiza e responsabilidade como sociedade democrática”. Engadiu ademais, “recoñecer que a súa loita non foi en balde, que o seu sacrificio deu froitos e que nós, os herdeiros e herdeiras do seu legado, temos o deber de continuar a súa obra e de seguir impulsando valores democráticos”.

O rexedor incidiu na idea de seguir dando pasos adiante para que as inxustizas do pasado non se repitan, polo que é preciso promover o coñecemento da historia para que a identidade galega siga viva e forte nas futuras xeracións. “Neste Día da Galiza Mártir, reafirmamos o compromiso coa memoria colectiva, coa nosa historia e co noso futuro. Seguimos en pé, loitando por esa Galiza xusta e por valores como a xustiza, a liberdade, a dignidade e a identidade nacional de Galiza, polos que tanta xente pagou coa súa vida” concluíu.

O acto estivo amenizado polo grupo de gaitas Andavía e rematou coa ofrenda floral aos veciños e veciñas de Ribeira que padeceron represión e coa interpretación do himno galego.