Inclúe Madruga, tanto no curso escolar como nas vacacións, e Canguraxe.
A Mesa de Contratación reuniuse hoxe para proceder á valoración das cinco oferta presentadas polas empresas que concorreron ao procedemento de contratación dos servizos municipais de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestan ao longo de todo o ano no marco do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha. Nos próximos días será adxudicado o contrato á empresa que presentara a proposta máis vantaxosa para o Concello de acordo aos criterios establecidos nos pregos que rexen o procedemento.
Durante o curso escolar o Programa Harmoniza, por medio do servizo Madruga, permite levar aos alumnos de 3 a 12 anos de idade ao seu centro de ensino de luns a venres desde as 7:00 horas e ata o inicio das clases para adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo. Inclúe a acollida, vixilancia, coidado, organización de actividades e almorzo dos nenos.
Nos períodos de vacacións (verán, Nadal, Semana Santa e Entroido), o servizo amplía o seu horario, prestándose desde as 7:00 e ata as 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo para todos os usuarios.
O Programa Harmoniza tamén ofrece o servizo de Canguraxe, neste caso dirixido a familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade. Contempla un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atención a prestar nos domicilios para cubrir necesidades puntuais, non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo.
O valor estimado na licitación do contrato do Programa Harmoniza ascende 661.460,84 polos catro anos de duración do mesmo (dous anos prorrogables por outros dous máis), o que pon de manifesto a aposta do Concello por continuar poñendo á disposición da cidadanía estes servizos de conciliación que faciliten a vida diaria ás familias con nenos ao seu cargo.