Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame licita as obras de mellora do núcleo de Abeixón e do viario da Cabaleriza á DP-1103 por máis de 100.000 €


O Concello de Lousame vén de licitar as obras de mellora do núcleo de Abeixón e do viario entre a localidade da Cabaleriza e a estrada provincia DP-1103 por 105.779 euros. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que se trata de dúas actuacións incluídas no “Plan de mellora de estradas e de acondicionamento dos accesos e interiores dos núcleos das aldeas, un plan que iniciamos xa hai un para de lexislaturas para mellorar as comunicacións entre os principais núcleos de poboación de Lousame e porque somos conscientes de que temos máis de oitenta núcleos. Xa temos actuado en moitos deles como Camboño, Vilar, Xestoso, Lesende, A Escabia, Castro ou Guiende, e agora continuaremos en Abeixón e na conexión entre A Cabaleriza e a estrada provincial”.

No caso da mellora do núcleo de Abeixón, a actuación contempla unha actuación sobre unha superficie total de 680 metros cadrados na que se demolerá o chan existente para proceder á súa nivelación e posterior reposición con 10 centímetros de zahorra e 20 centímetros de formigón. Así mesmo, contémplase a construción dun pozo de rexistro para a correcta canalización e recollida das augas pluviais na aldea, ao que tamén axudará a roza das gabias e a limpeza das salvagabias. As empresas interesadas deberán presentar as súas ofertas antes do luns 19 de agosto.

Pola súa banda, a actuación na Cabaleriza suporá a mellora da capa de rodaxe dun viario de 860 metros que enlaza esta aldea coa estrada provincial DP-1103 Comparada a Ponte Beluso. Tras a reparación de fochancas está previsto o estendido de 6 centímetros de mestura bituminosa en quente en toda a plataforma, de 4 metros de ancho. Así mesmo, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias, ademais do pintado de marcas viarias e sinalización vertical, coa colocación dun sinal de Stop. Neste caso, o prazo para presentar ofertas estará aberto ata o mércores 28 de agosto.