Friday 22 de November de 2024

O Concello crea o concurso de fotografía “Ortigueira nunha foto”


• Repartiranse 600 euros en premios e as imaxes seleccionadas expoñeranse no consistorio durante o mes de outubro.

• O prazo para presentar os traballos finaliza o 27 de setembro ás 14:30 horas.

O Concello de Ortigueira, a través da Concellería de Turismo e Patrimonio, creou o concurso de fotografía “Ortigueira nunha foto”, que ten como obxectivo fomentar a participación social e promover a fotografía como medio de expresión para reflectir a variedade e riqueza paisaxística, patrimonial e cultural do municipio.

Nesta primeira edición a temática escollida é o patrimonio natural. As imaxes deben mostrar e poñer en valor os recursos do municipio que sexan de acceso libre, identificando o lugar onde foron tomadas.

A participación será libre e gratuíta e as persoas participantes poderán enviar un máximo de tres fotos. Para participar no concurso non poderán ser publicadas con anterioridade en ningún medio de comunicación ou páxina web nin premiada noutros certames.
As fotografías deberán presentarse en papel nun formato entre 30×40 e 40×50, xa sexa en cor ou en branco e negro. Non se aceptarán fotomontaxes, colaxes nin fotografías creadas con IA.

Unha vez cúmpranse todos estes requisitos, poderán entregarse no Concello de Ortigueira ou a través de correo postal. A data límite para presentar os traballos será o 27 de setembro ás 14:30 horas.
As tres mellores fotografías serán galardoadas con 300, 200 e 100 euros respectivamente. O fallo do xurado coñecerase o venres 4 de outubro, sendo o mesmo día da entrega de premios. Ademais, as gañadoras e o resto de preseleccionadas exhibiranse nunha exposición que se situará na Casa do Concello. Esta inaugurarase o día da entrega de premios e poderá visitarse durante todo o mes.