Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades inviste máis de 15.000 euros de fondos propios na reparación da ponte sobre o rego de Mestas


O Concello de Frades vén de investir 15.176 euros de fondos propios na reparación da ponte sobre o rego de Mestas, na parroquia de Frades, que resultou danado polos temporais de principios de ano. “As obras consistiron na construción dunha nova tubaxe máis ampla ca existente para así facilitar o paso da auga e evitar no posible que se acumulen ramas e biomasa que poidan afectar á integridade da ponte”, explica o concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria, Manuel Ferreiro.

Unha vez conseguidos os pertinentes permisos de Augas de Galicia, o Concello de Frades procedeu á reconstrución desta ponte, emprazada nunha das cotas máis baixas da parroquia. Unha vez realizada a infraestrutura, aproveitouse tamén para mellorar a capa de rodaxe da estrada, previa reparación de fochancas.