Friday 22 de November de 2024

A arte de Marian Briones amósase ao público na Casa Mariñeira da Pobra


Marian Briones volve expoñer na Pobra do Caramiñal. A artista achega, nesta ocasión, unha vintena de cadros e colaxes á Casa Mariñeira, situada no parque do Castelo.

Trátase dunha oportunidade para facer unha viaxe por formas abstractas, nas cales a cor tamén ten un importante papel. Apréciase, ademais, un xogo experimental, onde os materiais e as formas adquiren unha nova dimensión. Mediante esta obra, Marian Briones transpórtanos á fronteira irreal onde a mirada colga ao lado da marea e todo parece un espello translúcido.

Os proxectos artísticos desta creadora destacan por exploraren distintas temáticas a través da abstracción e da colaxe. Estas exposicións ratifican o carácter multifuncional da Casa Mariñeira que, coa súa pequena sala de exposicións, tamén serve de escaparate para distintas disciplinas, por mor da afluencia de persoas que rexistra por ser oficina de información turística.

Esta mostra permanecerá aberta ao público do día 15 de agosto ao 10 de setembro, no horario habitual da oficina do turismo: de luns a venres, das 09.00 ás 14.00 e das 17.30 ás 20.00 horas, e aos sábados, dende as 10.00 ata as 14.00 horas, agás no 15 de agosto, día en que, por ser festivo nacional, poderá visitarse das 11.00 ás 13.30 horas.