Friday 22 de November de 2024

Os festexos do Carme dos Pincheiros contarán novamente co Espazo Violeta


Dentro da súa liña habitual de traballo, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal porá novamente en marcha unha serie de accións coas cales contribuír a unhas festas do Carme dos Pincheiros libres de agresións machistas.

Habilitarase un Espazo Violeta na praza Alcalde Segundo Durán, que estará atendido por unha educadora social e unha psicóloga, onde estarán ofrecendo información e realizando actividades encamiñadas á concienciación e sensibilización sobre as agresións machistas. Tamén informarán e acompañarán sobre os pasos para seguir de se producir un episodio destas características.

Esta medida estará operativa, principalmente, no horario de ocio nocturno: no venres 16 (das 23.00 ás 01.00 horas); no sábado 17 (das 20.00 ás 01.00 horas); no domingo 18 (das 23.00 ás 01.00 horas); e no lunsn19 (das 23.00 ás 01.00 horas).

Alí tamén se fará entrega de pulseiras co lema #apobracontraaviolenciamachista, tapas para vasos contra a submisión química, bolsas de tea, chapas e adhesivos, mochilas, batería portátil de teléfono móbil, bolígrafos e demais material divulgativo. Farase un sorteo diario no remate da noite cun lote destes obxectos.

Contarase, ademais, outro ano máis coa colaboración dos establecementos hostaleiros, que disporán dun plano coa localización e os horarios do Espazo Violeta e coordinación coa Policía local e coa Protección Civil, no caso de que existise algún incidente.