O concelleiro de Cultura e Turismo visitou o espazo que A Coruña ten no Festival Intercéltico, onde se promociona a cidade e as súas entidades e eventos culturais
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, visitou esta mañá o espazo que ten o Concello da Coruña no Festival Intercéltico de Lorient. A cidade representa estos días a Galicia nunha das celebracións de folclore máis importantes do mundo.
No posto da Coruña dentro da ‘Place des Pays Celtes’ estase a promocionar a cidade a través da campaña turística Cultura de Vivir e tamén hai diferente información sobre as entidades e os eventos culturais da cidade, sobre todo de aqueles relacionados coa música e o baile tradicional galego. O Festival Intercéltico de Lorient, que se celebra entre o luns 12 e o domingo 18 de agosto, acolle cada ano a representantes de todas as nacións celtas, que amosan a súa tradición cultural a través de diferentes actos.
”Desde o Goberno de Inés Rey quixemos amosar unha vez máis o noso grande apoio ao sector cultural e ás entidades de arraigo da cidade, promocionándoas nun evento de primeira liña mundial”, indicou Castro, que saudou aos integrantes de Caldo, formación galega presente no festival que actuará na Romaría de Santa Margarida. “Ademais, é unha honra que A Coruña represente neste festival a Galicia como nación celta, o que nos permite amosar ao mundo a nosa cidade e todo o seu patrimonio”, engadiu.
As persoas que se achegan ao espazo da Coruña en Lorient poden atopar diferente información turística da cidade, así como das súas entidades e eventos culturais. “O apoio e visibilidade que damos desde o Concello a eventos de cultura galega incrementouse nos últimos anos, pois cremos que a nosa cultura debe chegar a toda a cidadanía e tamén é un motivo de honra que debemos exhibir a nivel turístico”, sinalou Castro.
O concelleiro lembrou que o Goberno de Inés Rey apoia, organiza e promove eventos como a Romaría de Santa Margarida, Noites nos Crutos ou Folk no Colón, así como actuacións especiais de música tradicional nas Festas de María Pita, de Milladoiro, das Tanxugueiras e Xacarandaina no Coliseum e moitas outras. “Vivimos un momento moi bo da nosa música e baile tradicional e desde este Goberno municipal sempre estaremos apoiando a celebración destes espectáculos na Coruña”, indicou Castro.
Este xoves 15 terá lugar o acto institucional de presentación da cidade ante todas as delegacións dos países celtas na ‘Place des Pays Celtes’. Estará amenizada por unha actuación de gaiteiros e convidarase a asistir a todos os galegos e galegas presentes en Lorient. Esta é a primeira vez que A Coruña asiste ao Festival Intercéltico de Lorient, promocionando tanto a cidade como a súa música e tradición.