Friday 22 de November de 2024

Finalizado o traxecto peonil que atravesa a parroquia de Cortiñán


· O Concello investiu 302.852,65 euros nun itinerario de 1,7 quilómetros que une os núcleos de Vila de Suso e Cortiñán.

· Este camiño é de uso exclusivo para peóns, polo que está terminantemente prohibido aparcar sobre el.

O Concello de Bergondo deu por terminada a obra da vía peonil de 1,7 quilómetros que une os lugares de Vila de Suso e Cortiñán, na parroquia homónima. Este traxecto supuxo un investimento de 302.852,65 euros e busca converterse nunha das principais vías de comunicación peonís na parroquia, pois a atravesa por completo.

O obxectivo que o goberno local de Bergondo persegue é, por unha banda, mellorar a seguridade dos e as peóns que se desprazan a pé pola estrada de Outeiro (nome da vía na que se executaron os traballos), e, por outra, incentivar á poboación á mobilidade sostible e ao exercicio físico, pois este novo camiño é ideal para o paseo ou a práctica deportiva.

Concretamente, a actuación consistiu, esencialmente, no acondicionamento das marxes da vía, coa instalación dunha soleira de formigón pola que agora transitarán os e as viandantes. Ademais, aproveitouse para repoñer o firme nalgúns camiños locais anexos á vía na que se actuou e que se podían ver deteriorados polas obras.

Esta nova infraestrutura é de uso exclusivo para peóns, polo que está terminantemente prohibido estacionar encima do camiño peonil en calquera circunstancia. Quen o faga exponse a ser sancionado.

Desde o goberno local de Bergondo subliñan a “importante aposta que estamos a realizar en materia de mobilidade sostible, con esta e outras actuacións que realizamos nos últimos tempos por gran parte do municipio”.

Indican que “os veciños da parroquia de Cortiñán teñen agora un traxecto seguro, apartado dos vehículos, polo que saír a pasear, facer deporte ou para poder desprazarse a pé a visitar a familiares ou amigos/as que vivan preto”.