Esta decisión fundaméntase na necesidade que ten o municipio de acometer obras, especialmente de mantemento de camiños e vías
Os 269.641,28 euros dedicaranse a dous proxectos: mellorar a pavimentación dos camiños de Tella e o arranxo do camiño agrícola entre Brantuas de Arriba e Brantuas de Abaixo.
O Concello tamén se acollerá ao plan de amortización de débeda da Deputación da Coruña.
O Concello de Ponteceso aprobou, na sesión extraordinaria do pleno celebrada este luns 12 de agosto, dedicar a meirande parte do orzamento do POS Adicional 2024 da Deputación da Coruña a investimentos no municipio. Esta decisión do executivo local, presidido por José Manuel Mato, baséase na necesidade que agora mesmo ten Ponteceso de acometer unha serie de investimentos por todo o municipio, especialmente no apartado de mantementos de vías e camiños de titularidade municipal.
Deste xeito, os 269.641,28 euros concedidos ao Concello por parte do ente provincial dedicaranse a dous proxectos: mellorar a pavimentación dos camiños de Tella e o arranxo do camiño agrícola entre Brantuas de Arriba e Brantuas de Abaixo. O primeiro conta cun orzamento de 152.970,89 euros; mentres que o segundo acada os 116.670,40 euros.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, argumentou que “esta decisión tomámola fundamentándonos en que as actuacións municipais teñen que chegar a todas as parroquias, e pensamos que este é un reparto xusto”.
Engadiu que “este goberno está actuando na meirande parte das parroquias, tanto con actuacións xa en marcha, como as da parroquia de Pazos ou en Corme-Aldea, como as actuais, como as futuras, que irán a outros puntos do noso concello que tamén teñen necesidades”.
Por outra banda, o Concello de Ponteceso acóllese á nova liña do Plan Único da Deputación da Coruña para amortizar débeda. Así, o organismo provincial aportará, a través desta nova vía de financiamento, 42.297,97 euros, que se descontarán da contía total que o Concello debe á Deputación.
Ademais, na sesión plenaria de onte, tamén se acordaron os festivos locais de cara ao 2025, quedando marcados os días 8 e 15 de setembro do 2025.