Friday 22 de November de 2024

O Concello de Santiago celebrará o vindeiro luns o acto institucional en lembranza de Ánxel Casal


O Pazo de Raxoi acollerá o vindeiro luns, 19 de agosto ás 13:00 horas, o acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal, en recoñecemento á súa memoria e á de todas as persoas que foron represaliadas canda el por loitar pola liberdade e a democracia.

Nesta homenaxe, que se realiza por segundo ano consecutivo no Salón Nobre de Raxoi, participarán representantes dos concellos de Santiago de Compostela, de Teo e de Arzúa co obxecto de visibilizar os lugares que marcaron os momentos finais da súa vida e da súa loita. Así, están previstas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; e do concelleiro de Teo Juan Jesús Cerqueiro.

Ao igual que o ano pasado, están convidadas as corporacións municipais dos tres concellos, así como persoas e entidades que realizan actividades relacionadas coa Memoria Histórica.

Este acto institucional ten por finalidade honrar a dignidade colectiva das persoas que loitaron a prol da liberdade e da democracia e que foron represalias tras o golpe do 36, e nomeadamente a figura de Ánxel Casal, asasinado o 19 de agosto dese mesmo ano en Cacheiras.

A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.

Alén de ser o alcalde de Santiago de Compostela en 1936, Ánxel Casal tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.