Friday 22 de November de 2024

Aberta a consulta pública previa á modificación da Ordenanza reguladora de licenzas, con vistas á súa adaptación á actual normativa


O Concello publicou hoxe toda a información correspondente ao proxecto de actualización da Ordenanza, así como o formulario para recoller as achegas e suxestións das veciñas e veciños, que estará habilitado ata o 3 de setembro

O Concello habilitou hoxe a consulta pública previa sobre o proxecto da modificación da Ordenanza reguladora dos procedementos para a intervención e control na execución das obras, implantación de instalacións e actividades ou servizos, consulta que estará aberta ás achegas e suxestións da cidadanía ata o vindeiro 3 de setembro.

Con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey dá o paso previo á actualización da Ordenanza municipal que rexe a concesión de licenzas, aprobada no pleno municipal no ano 2014, e que agora debe adaptar o seu contido ao estipulado na vixente lexislación urbanística.

Neste sentido, a modificación da Ordenanza ten como principais obxectivos a posta en marcha de procedementos que axilicen os trámites administrativos, incluíndo a intervención de entidades de certificación de conformidade municipal debidamente constituídas, autorizadas e rexistradas, en expedientes de actividades e obras, excluíndo dos últimos cando se trate de obras a realizar en inmobles catalogados no Plan Xeral e en todo o ámbito do Plan Especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e a Pescaría (PEPRI).

Ademais, tamén se busca garantir unha maior seguridade xurídica para as partes implicadas na tramitación dos procedementosn de intervención e control de edificación e usos do solo, así como de implantación e exercicio de actividades e servizos.

O prazo establecido para esta consulta pública é de quince días hábiles, a contar desde hoxe. O Concello xa habilitou na web de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda toda a información correspondente ao proxecto de modificación da Ordenanza, así como o formulario para recoller as opinións e suxerencias das veciñas e veciños da Coruña.