Friday 22 de November de 2024

A Xunta impulsará acciónsde restauración ambiental en oito espazos Rede Natura por importe de 2,7M€ no marco dun proxecto europeo transnacional


— Ángeles Vázquez explica que no Life Global, cofinanciado pola UE e cun orzamento total de 5,1 M€, participan o Norte de Portugal, Castela e León, Euskadi e Navarra

— O obxectivo é combater as ameazas de degradación que afrontan 3 especies e 10 hábitats prioritarios en espazos de alto valor natural no norte da Península Ibérica

— A conselleira avanza que agora mesmo se están a redactar os proxectos técnicos das intervencións previstas e que os traballos sobre o terreo comezarán o próximo verán

A Xunta de Galicia participa como un dos socios principais nun proxecto transnacional para impulsar a restauración de áreas Rede Natura 2000 cun alto valor de conservación no norte da Península Ibérica baixo a actual perspectiva de cambio global. En concreto, a iniciativa permitirá executar actuacións de rexeneración ambiental por importe de 2,7 millóns de euros en oito espazos galegos: 7 zonas especial de conservación (ZEC) e unha zona especial de protección de aves (ZEPA).

Acompañada do alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo, e o director do Ibader, Pablo Ramil, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a praia de Barrañán, pertencente á ZEC Costa da Morte e unha das zonas nas que está previsto actuar no marco do proxecto Life Global, no que tamén participan o Norte de Portugal e outras tres comunidades: Castela e León, Euskadi e Navarra.

O obxectivo é desenvolver ata setembro do ano 2029 unha estratexia transnacional que tendo en conta a perspectiva actual de cambio climático, permita combater as principais ameazas de degradación que afrontan 3 especies e 10 hábitats prioritarios en espazos de alto valor natural no norte da Península Ibérica.
En total, son 31 os espazos Rede Natura 2000 sobre os que se vai actuar, seleccionados entre as tres tipoloxías de unidades ecolóxicas cántabro-atlánticas que se consideran máis vulnerables ao cambio global: zonas costeiras, humidais e áreas de montaña.

Cun orzamento de 5,1 millóns de euros —cofinanciado nun 75% pola Unión Europea e o resto, con fondos dos socios beneficiarios— a conselleira explicou que no marco do Life Global se executarán en Galicia actuacións cun investimento estimado en 2,7 millóns, dirixidas polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), que actúa no proxecto como coordinador.
Neste sentido, indicou que, no caso de Barrañán e do resto da ZEC Costa da Morte, os traballos arrancarán na primavera do ano 2026 e consistirán basicamente no control de especies exóticas na trasduna e de matorrais costeiros, con especial atención á Cortaderia (herba da pampa), Pittosporum ou Hlichrysum. No ámbito da ZEC, ademais, tamén se traballará na mellora do estado dos hábitats e do seu uso público.

Primeira intervención, ZEPA A Limia

Aínda que as primeiras accións sobre o terreo comezarán en xullo do próximo ano, concretamente, na ZEPA A Limia, Ángeles Vázquez explicou que o proxecto Life Global arrancou xa oficialmente este verán.

Así, nestes momentos estanse a redactar os proxectos técnicos das intervencións previstas nas oito zonas de intervención localizadas en Galicia, que son, ademais, da ZEC Costa da Morte, as de Illas Cíes, Complexo húmido de Corrubedo, Costa Ártabra, Costa da Morte, Estaca de Bares, As Catedrais, Costa da Mariña Occidental e a ZEPA A Limia.

Cómpre lembrar que o programa Life é o único instrumento financeiro da UE dedicado en exclusiva ao medio ambiente e á acción polo clima e desde o ano 1992 permitiu impulsar uns 5.500 proxectos en todos os estados membros.