O Mago Antón e os músicos Carlos Manteiga e Melchor Rodó encabezan un cartel no que haberá propostas para pequenos e maiores
Ata o 30 de agosto, os grupos de persoas poden reservar o seu sitio no Telleiro para consumir a comida que traian. Ademais, o Concello ofrece un servizo de pulpeira
O Concello de Paderne potencia a súa Romaría da Familia, un evento que foi a primeira gran festa tras a pandemia e naceu o pasado ano como herdeiro do Día da Familia, que levaba sen celebrarse desde o 2018. O equipo de goberno padernés apostou por introducir no calendario local unha festa na que a veciñanza recuperaba o protagonismo.
Tras o éxito da primeira edición, o executivo local volveu apostar por un evento para maiores e pequenos. O sábado 7 de setembro, a partires das 13:00 horas, O Telleiro acollerá a todos os grupos de familias e amigos que desexen achegarse para gozar dunha xornada festiva en sociedade, na que o Concello de Paderne porá as actividades.
O día comezará coa sesión vermú e a música en directo de Carlos Manteiga e Melchor Rodó. Tras as actuacións chegará o momento do xantar. Os grupos que o desexen poderán reservar o seu sitio no Telleiro para comer os produtos que traian. As persoas interesadas poden anotarse no Concello (de xeito presencial ou telefónico) ou escribindo un mail a cultura@concellodepaderne.com ata o día 30 de agosto. O prazo de inscrición remata o día 30 de agosto.
A maiores da comida que leven os particulares, o Concello de Paderne ofrecerá un servizo de pulpeira -con racións de pago-, á que se sumará pola tarde unha chocolatada e unha queimada. Será despois de comer cando tamén comecen o Bingo e o Karaoke, acompañados polos Campionatos de Xogos de Mesa, con premios para os mellores participantes. Os Xogos Populares para todas as idades serán unha das propostas nas que tamén poderá participar a cativada, que contará con inchables e Festa da Espuma.
“Tras o éxito da edición do ano pasado, na que superamos de xeito amplo as 600 persoas inscritas tan só para comer, queremos repetir. O traballo dun goberno local é potenciar o municipio en todos os seus aspectos. E entendemos que o social é fundamental. Con servizos como os que xa ofrecemos, pero tamén con eventos como esta Romaría da Familia que pretendemos consolidar no calendario, ao igual que a Cabalgata de Reis do día 4 ou a Feira GastroLexítimo. Paderne ten moito que ofrecer e para demostralo é preciso que a súa veciñanza sinta orgullo de pertenza”, apunta o alcalde, Sergio Platas.