Thursday 21 de November de 2024

A Coruña representa por primeira vez a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient


O Concello promocionará a cidade e as súas entidades culturais no evento de folclore máis importante do mundo

O Concello da Coruña está presente no Festival Intercéltico de Lorient, dentro da ‘Place des Pays Celtes’, cun posto no que se promociona a cidade e as súas entidades e eventos culturais, sobre todo aqueles relacionados coa música e o baile tradicionais galegos. O Goberno de Inés Rey, deste xeito, amosa unha vez máis o seu apoio ás entidades de arraigo da cidade, cuxo traballo ao longo do ano tamén estará presente neste espazo.

A alcaldesa xa anunciara a presenza da Coruña no Festival Intercéltico de Lorient durante a presentación do programa da Romaría de Santa Margarida, que se celebrará do xoves 29 de agosto ao domingo 1 de setembro, e que se promociona estes días en Lorient, onde tamén actúa un dos principais atractivos musicais da Romaría: Rodrigo Cuevas. A Coruña representa a Galicia no ‘Interceltic Corner’ como nación celta. O Festival Internacional de Lorient, que se celebra entre este luns 12 e o domingo 18, acolle cada ano a representantes de todas as nacións celtas, que amosan a súa tradición cultural a través de diferentes actos.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asistirá esta semana a Lorient para representar á cidade no festival. “O Goberno de Inés Rey está a levar a cabo un gran esforzo para que Galicia e a súa tradición, moi vinculada á Coruña, teña presenza nesta celebración, considerada o evento de folclore máis importante do mundo”, sinalou Castro.

O xoves 15 terá lugar o acto institucioanl de presentación da cidade ante todas as delegacións dos países celtas na ‘Place des Pays Celtes’. Estará amenizada por unha actuación de gaiteiros e convidarase a asistir a todos os galenos e galegas presentes en Lorient. Esta será a primeira vez que A Coruña asiste ao Festival Intercéltico de Lorient, promocionando tanto a cidade como a súa música e tradición.

O edil, ademais, asistirá aos principais eventos e encontros deste festival. Castro tamén ten previsto asistir ás actuacións galegas programadas no festival, como a de Caldo, unha formación que tamén está presente na Romaría de Santa Margarida.