A carreira nocturna Cidade de Narón contaba a primeira hora desta mañá cun total de 354 persoas inscritas nas diferentes categorías. O Concello organiza a convocatoria xunto co club Pasa ou Entorna e as persoas interesadas en participar no evento, que terá lugar este sábado, poden aínda inscribirse ata mañá martes ás 12:00 horas a través da web: www.sportmaniacs.com ou da aplicación saudeter live.
Na quinta edición da carreira nocturna Cidade de Narón, cun percorrido de sete quilómetros polo centro urbán, están apuntados un total de 266 persoas; mentres que nas categorías de lebres (2009-2011), onde se percorrerán 1,2 quilómetros, hai 6; na de coellos (2012-2014), cun tramo de 650 metros, hai 22; na de coelliños (2015-2016), con 450 metros, están inscritos 17 menores e na de gazapos (2017-2020), de 100 metros, un total de 43.
As carreiras darán comezo ás 21:30 horas no caso da absoluta, se ben no resto dos casos serán ás 20:00 horas, con saída e meta sempre na Praza de Galicia. Haberá trofeos para os tres mellor clasificados masculinos e femininos tanto na categoría xeral como os/as tres primeiros/as de cada categoría. Así mesmo, haberá un agasallo para o corredor e a corredora de maior idade e entregarase o premio “Gadis” especial para o tramo de subida de “A Picotiña”, para o/a que realice no menor tempo o tramo esa subida, duns 450 metros, que será cronometrado, e que ademais queden clasificados nos 30 primeiros postos do seu sexo na categoría xeral. O club con máis corredores inscritos na categoría absoluta obterá un premio, tal e como consta nas bases, de 200 euros para canxear no mesón A Bodeguilla.
Os dorsais poderán recollerse este venres en horario de 18:00 a 21:00 en Dequip Galega Sport (estrada Batalla de Brión, 1, baixo, en Ferrol) e o sábado 17, xornada da carreira, entre as 10:30 e as 13:00 e dende as 19:00 ata media hora antes da proba no Auditorio municipal de Narón, na Praza de Galicia.