Monday 02 de December de 2024

A Deputación e o Concello da Laracha colaboran no proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte


O vicepresidente da administración provincial, Xosé Regueira, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades

A Deputación investirá 38.623,20€, un 80% do orzamento total de 48.000€ co obxectivo de renovar os contidos para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o alcalde do Concello Laracha, José Manuel López Varela, rubricaron o convenio en virtude do cal ambas administracións cofinanciarán o proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte.

A antiga casa reitoral de Golmar alberga o museo desde o ano 2009. Unha iniciativa, tamén impulsada por Concello e Deputación, que permitiu recuperar unha edificación do século XIX de alta importancia histórica e poñer a parroquia no mapa cultural e turístico galego.

Agora vaise modernizar e dar un impulso á instalación cun proxecto de remusealización que renovará os seus contidos desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes. Potenciar o atractivo turístico do museo tamén significará poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia do termo municipal da Laracha.

A intervención presenta un orzamento superior aos 48.000 euros, achegando a Deputación o 80% dese investimento e o Concello, o 20 % restante.

Durante os últimos anos o museo, ademais de recibir visitantes, tamén albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas tanto para o público infantil como para o xuvenil e adulto centradas no coidado do medio ambiente e na recuperación da memoria rural do municipio, tan relacionada co campo, a agricultura e, por tanto, cos muíños de auga. Esa actividade levou ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar a obter cada ano desde 2018 o recoñecemento como Centro Azul de Educación Ambiental que outorga a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC).