A ocupación hoteleira desde finais de xullo sitúase no 92%
As Festas de María Pita 2024 finalizaron esta fin de semana a súa primeira parte da programación tras a celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia, que reuniu durante os sete días de programa a máis de 135.000 persoas nos seus espectáculos. En total, desde a última semana de xullo, máis de 300.000 persoas participaron ou asistiron aos diferentes eventos culturais e de ocio programados polo Concello da Coruña, a gran maioría parte das Festas de María Pita 2024.
O Goberno de Inés Rey confeccionou unha programación estival para todo tipo de públicos e idades e o seu éxito reflíctese no número de persoas participantes. Practicamente todos os días desde a última fin de semana de xullo houbo actividades na Coruña comezando coa celebración do Morriña Fest e do ciclo de concertos Coruña Sounds, que reuniron en conxunto a 82.000 persoas en diferentes recintos da cidade.
A programación das Festas de María Pita comezou coa celebración do ciclo Noites de María Pita, con concertos totalmente gratuítos, no que participaron Kate Ryan, Mocedades, Los Panchos, Los Planetas, Rock en Familia, Omar Montes e o festival Locos pola Música. En conxunto, houbo máis de 65.000 asistentes, baténdose no concerto de Omar Montes o récord de espectadores nun espectáculo en María Pita con 26.000 persoas.
A praza de María Pita tamén acolleu esta pasada semana o Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña, que reuniu durante as cinco xornadas nas que se celebrou a máis de 5.000 persoas. Por outra banda, a Feira do Libro da Coruña pechouse o sábado cun 7% máis de participación que no 2023, con 3.200 asistentes ás sinaturas de libros e 2.560 participantes nas actividades. En total, participaron 38 librarías e editoriais e sumáronse tres casetas máis con respecto ao ano anterior.
O evento máis mediático no que vai de verán na Coruña foi o Festival Noroeste Estrella Galicia, que celebrou a súa edición máis extensa, con sete días de actividades e novas seccións: ‘Contos ao Noroeste’ e ‘Noroestiño’. A asistencia total ao festival gratuíto máis importante do país foi un rotundo éxito, con máis de 135.000 persoas nos concertos e espectáculos (superando os 120.000 asistentes do 2023), tendo como punto álxido as dúas noites de música na praia de Riazor. O Goberno de Inés Rey, ademais de impulsar novidades nesta edición do Noroeste, tamén mantivo a súa aposta polas actuacións de grupos de música en galego no escenario principal da praia de Riazor en horarios de máxima asistencia, algo que se instaurou hai dous anos con Tanxugueiras e mantívose nesta edición con Fillas de Cassandra e The Rapants, aos que hai que unir outras dúas formacións galegas: Triángulo de Amor Bizarro e Xoel López.
Por outra banda, esta pasada fin de semana tamén se celebrou o Trofeo Teresa Herrera de fútbol, ao que asistiron máis de 23.000 persoas durante as dúas xornadas nas que se disputou. En total, máis de 316.000 persoas gozaron nesta primeira parte do verán da programación estival do Concello da Coruña, refrendando que a cidade é o gran referente cultural e de ocio do noroeste.
Maior número de visitantes e 92% de ocupación hoteleira
A Coruña é, un ano máis, un gran polo de atracción turística, e así o amosan as cifras oficiais de visitantes estranxeiros do primeiro semestre, no que viñeron un total de 74.068 persoas fronte ás 57.692 do pasado 2023, un aumento dun 28%.
Ademais, desde xullo a ocupación hoteleira sitúase no 92%. Por outra banda, o sector hostaleiro valora moi positivamente a ampliación do horario desde a última fin de semana de xullo e durante todo o mes de agosto levada a cabo polo Goberno municipal coa fin de potenciar e impulsar o sector durante os meses de máxima actividade.
Continúan as Festas de María Pita
Tras as primeiras semanas de Festas de María Pita, a partir deste luns 12 de agosto comeza o Viñetas desde o Atlántico, un dos eventos de banda deseñada máis importantes do país,con numerosas figuras do mundo do cómic e novidades en torno a diferentes seccións. Este ano, o certame está dirixido polo artista Manel Cráneo, un referente do xénero. Un dos pratos fortes da programación volverá a ser a Batalla Naval, que se celebrará este venres 16 a partir das 23.30 horas.
Ademais, a música seguirá tendo presenza nas festas co reinicio do ciclo Noites de María Pita, no que actuarán esta semana La Plazuela, Ariel Rot e Budiño, que estará acompañado por Pansenfron (abrirán a súa actuación ás 21.00 horas). Ademais, o sábado 17 comezará a Semana Clásica, con actuacións da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal de Música, a Orquestra GAOS, a Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Xoven Sinfónica de Galicia. Tamén regresará o Festival de Habaneras, desde o mércores 21 nos xardíns de Méndez Núñez. A programación musical inclúe tamén un concerto de Amizades na praza de María Pita o mércores 21 de agosto e as actuacións da Romaría de Santa Margarida, con Rodrigo Cuevas e Xabier Díaz, entre outros artistas.