Friday 22 de November de 2024

Malditos Pendejos, Keepers e Aka Fresh integran o cartel da Noite de Bolos de Neda


O Concello aposta polo local nun cartel que dá cabida a artistas e bandas emerxentes e outras xa consolidadas

Tras o avance de programación da XXXIV Festa do Pan de Neda, o Concello facía o propio co cartel da Noite de Bolos. Un festival de música xa consolidado no calendario da comarca que se celebrará o 31 de agosto no paseo marítimo de Xubia, na véspera da Festa de Interese Turístico de Galicia.
Nesta ocasión, o Concello fai unha aposta sen paliativos polo local, con artistas e bandas da zona, e dá entrada a solistas como Aka Fresh e grupos como Keepers, que están a pegar moi forte no panorama musical actual, e outros con ampla experiencia e traxectoria consolidada como Malditos Pendejos. Os tres forman o cartel deste 2024, deseñado, como o principal da festa por Juanlu Nacha.

Noite de Bolos arrancará sobre as 21:30 horas. Daniel Calabuig, máis coñecido como Aka Fresh, subirase ao escenario do paseo marítimo para ofrecer o seu repertorio de estilo urbano, no que predominan os xéneros trap e hyperpop. Tomará o relevo Keepers, banda que con apenas dous anos de vida, ten participado nalgúns dos festivais máis potentes da escea galega como o Resurrection Fest. A Neda traerán un repertorio plagado de clásicos do rock e auténticos himnos do metal, que alternarán con temas propios. Hai representación local, xa que á batería está o nedense Daniel Piñón. Xunto a el, Ariadna Martínez (voz, piano e keytar), Adrián Quintana (guitarra), Íker Fernández (guitarra) e Azalea Calvo (baixo).

E pechando o cartel, Malditos Pendejos, que porá o colofón á Noite de Bolos 2024 co seu potentísimo directo no que combinan versións dos clásicos do rock e temas propios dos seus discos “El puto Rock&Roll” e “Revivir”, sempre coa influencia das míticas bandas dos 70 e 80. Tony Torres (guitarra e voz), Octavio García Araujo (baixo) e Cristóbal Castro (batería) forman a banda na actualidade, co que a festa está garantizada.