Friday 22 de November de 2024

Cerdido celebra o 30º aniversario da Área recreativa O Castro, epicentro da actividade cultural do municipio


 A xornada incluíu música, un xantar popular e actividades para todas as idades

O Concello de Cerdido celebrou hoxe domingo, 11 de agosto, o 30º aniversario da Área Recreativa O Castro, en colaboración coa asociación cultural Airiños dos Carrís.
Foi nun evento con moita música, un xantar popular e actividades para todas as idades. A xornada deu comezo co concerto de Dani Barreiro & Friends. A continuación ofreceuse un xantar popular con racións de churrasco e empanada.

Ao longo da tarde están previstos distintos xogos para todos os públicos como inchábeis, globoflexia e campionatos de tute e dominó.

A partir das 19 horas, Carlos Bau Dúo ofrecerá outro espectáculo musical e, por último, rematarase co concerto de Los Alcántara, a partir das 20 horas.

En palabras do alcalde, Alberto Rey, “a Área recreativa O Castro é o centro neurálxico da actividade cultural no concello de Cerdido, e eventos como este 30º aniversario sérvenos para poñer en valor a súa actividade”.
“Desde o noso equipo de goberno temos a intención de seguir apostando por esta área recreativa, realizando melloras e dinamizando o programa de actividades que se desenvolven alí” engadiu.
Por último, o rexedor quixo “agradecer a súa colaboración á asociación Airiños dos Carrís, que nos axudaron a facer posible este evento”.