Esta cita é o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica e celébrase do 30 de novembro ao 8 de decembro con España como convidada de honra
A Xunta de Galicia incorpora os cinco primeiros profesionais do sector cultural e editoriais á delegación galega que participará do 30 de novembro ao 8 de decembro na Feira internacional do Libro (FIL) en Guadalaxara, México. Trátase dunha iniciativa que permitirá levar e difundir a cultura galega no evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica, cita que conta este ano con España como convidada de honra baixo o lema Camino de ida y vuelta.
Deste xeito, a delegación promovida pola Xunta de Galicia inclúe os autores Manel Loureiro, Pedro Feijoo, Eva Mejuto e Jose María Paz Gago, ademais do ilustrador Manel Cráneo. Todos eles contarán cun expositor propio no que se exhibirán unha selección dos seus títulos máis recentes. Aínda que non está pechada a programación, o espazo acollerá tamén diferentes actividades dedicadas á difusión cultural e do libro galego como conferencias, presentacións, talleres ou coloquios.
A participación de Galicia nesta feira internacional enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marcha pola Administración autonómica a través do sector editorial nas principais citas internacionais do libro como Boloña ou Bos Aires.
Unha axuda destinada á literatura galega
Esta iniciativa forma parte da convocatoria de axudas ofertadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a asistencia a citas relacionadas co ámbito literario e destinadas a creadores e figuras das editoriais de Galicia. A través desta subvención, permitirase que máis participantes se unan á delegación e formen parte do grupo que representará a cultura galega no encontro cultural en México.