O Concello está a executar estes días as demolicións previas á remodelación das paradas, nas que se renovarán ou instalarán novas marquesiñas, en función de cada caso
O Concello avanza estes días nos traballos para mellorar a accesibilidade na parada de autobús 65 da liña de transporte urbano, situada á altura do número 50 da avenida da Concordia, entre os barrios dos Castros e O Castrillón.
Esta intervención forma parte do plan impulsado polo Goberno de Inés Rey para remodelar as paradas de autobús da cidade, adaptándoas as necesidades actuais das persoas usuarias. Nesta fase do plan, esta iniciativa suporá melloras en 16 plataformas situadas nos barrios dos Mallos, Catro Camiños, Os Rosales, Labañou, Monte Alto e tamén do Castrillón.
Foi precisamente neste último barrio onde comezaron as actuacións previstas. A primeira delas, a mediados do pasado mes de xuño, na rúa Curtis, seguida por unha segunda intervención na rúa José María Hernansáez, tamén no Castrillón.
Agora, o Concello xa está a traballar na avenida da Concordia para remodelar unha das tres paradas que circunvalan a praza e a súa contorna. En todas elas será preciso executar unha demolición previa do pavimento actual, co obxectivo de dispor novas baldosas que facilitarán o paso das persoas con mobilidade ou visibilidade reducida. Ademais, substituirase as marquesiñas existentes e tamén se habilitarán outras novas alí onde non están instaladas actualmente.
No caso da parada de autobús 65, está previsto ampliar a plataforma existente, que pasará a ser de 14 metros de lonxitude. Ademais, tamén se disporán pavimentos diferenciados, con baldosas podotáctiles, para facilitar o paso das persoas con visibilidade reducida.
En paralelo, tamén se acometerán melloras tanto na beirarrúa da parada como a que está enfrente. Aproveitando a intervención, o Concello acometerá a elevación do paso peonil xaexistente neste punto, co obxectivo de reforzar a seguridade peonil e pacificar o tráfico no percorrido entre a avenida e a praza, onde hai un parque infantil.
O Castrillón, punto de partida das actuacións cofinanciadas con fondos Next
As melloras de accesibilidade nas paradas de autobús do Castrillón dan continuidade ás actuacións urbanísticas que xa se están a executar no barrio, atendendo ás solicitudes veciñais. Por exemplo, a remodelación do cruzamento entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís, preto do centro cívico do Castrillón e a praza Pablo Iglesias, “un enclave onde era preciso intervir para reforzar a seguridade viaria, por ser unha zona de tránsito habitual das e dos peóns”, expuxo a alcaldesa, Inés Rey.
Estas intervencións forman parte das 17 que o Goberno de Inés Rey xa está a acometer de forma gradual nos barrios da cidade grazas ao financiamento captado na segunda convocatoria de fondos Next Generation. Ademais do Castrillón, haberá melloras nos Mallos – A Sardiñeira, Agra do Orzán, Monte Alto, Elviña, o Barrio das Flores, A Falperra, Eirís, a contorna de Santa Margarida e nas conexións entre Agrela e o Ventorrillo.