130 ordenses asistirán a clases de fotografía, informática, baile ou cociña
O Concello de Ordes porá en marcha ao longo dos vindeiros días e ata o próximo mes de abril as actividades incluídas no seu circuíto cultural e deportivo.
Unha convocatoria á que responderon satisfactoriamente arredor de 130 veciños e veciñas de distintas idades que acudirán a clases de fotografía dixital; informática; cociña tanto para adultos como para nenos e nenas; baile moderno, en liña para adultos e de salón por parellas. As listas de admitidos xa se poden consultar no panel informativo situado no primeiro andar do Concello. As clases desenvolveranse ao longo da semana en horario de tarde, agás no caso de informática e fotografía dixital, que serán os sábados durante a mañá.
Tamén se mantén aberto o prazo de inscrición para obter o carné oficial de manipulador de produtos fitosanitarios, requisito necesario para poder aplicar este tipo de tratamento no campo. Cabe mencionar o enorme interese que a dita convocatoria suscitou entre os profesionais agrícolas e gandeiros da zona, contando a día de hoxe con preto dunha trintena de persoas apuntadas.