Celebrarase o domingo 1 de setembro no paseo marítimo
O Concello avanzaba esta mañá a programación da XXXIV Festa do Pan de Neda, que se celebrará no paseo marítimo o 1 de setembro, primeiro domingo de mes, como marca a tradición. Acudirán cos seus postos de venda as panaderías La Gallega, Modesto Hermida, Paca Castro Romero, Panificadora Germán e Santa Rita, e colaborarán coa cita J. Castro Hermanos e Vda. De A. Romero. A apertura está prevista para as 10:00 horas, e a partir de entón poderemos mercar pan, empanadas e doces, ata fin de existencias. A esa mesma hora, abrirán tamén os postos dos artesáns e artesás, coa previsión de igualar o medio centenar de stands da pasada edición. Ademais, o grupo de música tradicional Berros do Castro animará a mañá co seu repertorio a modo de pasarrúas pola contorna.
Sobre as 12:00 horas, o Concello de Neda reeditará o concurso de empanadas, e xa ás 13:00 horas, o público terá oportunidade de seguir o pregón, a cargo da nedense Ana Ares Pernas, Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña. Ao seu remate, realizarase a entrega de premios ás persoas gañadoras do concurso de empanadas, e sobre as 13:30 horas, comezará a sesión vermú coa actuación de Los Zares.
XANTAR POPULAR
Ás 14:00 horas, celebrarase o tradicional xantar popular, cun menú composto por pan, empanada, lagostinos, xamón asado, bebida, doce e café e un prezo por comensal de 22 euros. Os tickets poderán adquirirse nun punto habilitado no paseo durante a mañá. O programa terá continuidade coa actuación musical de A Charanga da Carmiña, xa sobre as 15:30 horas.
Á tarde, os máis pequenos e pequenas da casa poderán participar nun obradoiro de elaboración de pan, sobre as 17:00 horas, con inscrición in situ.
E pechando a cita, Festa de Interese Turístico de Galicia, concertos de luxo con Encrucillada e O Sonoro Maxín.