Friday 22 de November de 2024

A Xunta fomenta que a mocidade de máis de 18 anos participe en actividades de lecer saudable a través dos seus campamentos


— A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visita Aventuras en Cabana, que se celebra en Cabana de Bergantiños con persoas inscritas ata os 30 anos de idade

— Ofértanse cinco programas con 200 prazas en diferentes puntos de Galicia e inxírense na Campaña de Verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, achegouse hoxe en Cabana de Bergantiños (A Coruña) a Aventuras en Cabana, un dos cinco campamentos dirixidos especificamente ao tramo de idade de entre 18 e 30 anos, e sobre os que salientou que foron recuperados este ano polo Goberno galego “para que a mocidade desta franxa de idade conte con propostas alternativas de lecer saudable”.
Lara Meneses lembrou que estes campamentos forman parte da campaña O teu mellor verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e precisou que, no caso concreto desta actividade, ofrécense 200 prazas para poder gozar de propostas de ocio alternativo. Deste xeito, as persoas que sobrepasen a maioría de idade están a ter á súa disposición, desde o pasado mes xullo e durante todo agosto, cinco instalacións diferentes nas que desenvolver rutas, actividades artísticas, acuáticas ou de multiaventura.

A directora xeral de Xuventude precisou que, ademais das que se ofrecen neste albergue de Cabana de Bergantiños, estas actividades tamén se desenvolven no campamento A Devesa en Ribadeo, albergue xuvenil de Allariz, albergue Montañas de Trevinca en A Veiga e complexo Cemar en Mondariz Balneario.

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que, desta forma, o Goberno galego “dá un paso máis” coa súa Campaña de Verán, que incluía campamentos orixinariamente destinados a mozos e mozas de 9 a 17 anos, ofrecendo a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo de lecer estival en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.

Referente en todo o Estado
Lara Meneses fixo fincapé en que a Campaña de Verán da Xunta supón un recurso de conciliación da vida familiar e laboral, “sendo un referente en todo o Estado polo alto nivel das súas actividades”. “Así é que se converteu en destino preferente tanto para a mocidade galega como doutras comunidades autónomas e do estranxeiro”, aseverou.

No caso concreto deste ano ofertáronse un total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán que dependen da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

As opcións abranguen campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, actividades para maiores de 18 anos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa Conecta con Galicia para a mocidade galega no exterior e o uso das instalacións xuvenís xestionadas pola Xunta. Ademais, entre as novidades deste ano, está a oferta de novas propostas tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado.