De Francia, de Alemaña, de Italia… de Madrid, de Euskadi, do Rosal… Un ano máis, coa chegada de agosto, a foto repítese na área de servizos para autocaravanas da Cortiña, que estes días acolle viaxeiras e viaxeiros dunha chea de lugares. Esta noite, sen ir máis lonxe, no espazo pernoctaron unha quincena de furgonetas e furgóns cámper. Case todas viñeron facer noite a tiro fixo por cadrarlles no seu itinerario e, sobre todo, polas boas referencias que ten a área tanto en Google Maps como nas webs especializadas en turismo sobre catro rodas. San Sadurniño confírmase como “un sitio de parada obrigatoria para as viaxes de vagar que se fan polo norte de Galicia”, afirma o responsable municipal de Desenvolvemento local, Manolo Varela, quen insiste en recordar que a área “non é un cámping”.
Achegámonos pola Cortiña pouco despois das nove da mañá, hora na que a maioría das e dos autocaravanistas están rematando de almorzar ou preparándose xa para reemprender viaxe. Na maioría de casos veñen xa cun itinerario perfectamente medido en canto a distancias, visitas que se van facer e permanencias en cada lugar, co obxectivo de poder aproveitar ao máximo o tempo de vacacións.
Porén tamén hai quen vén un pouco á aventura. “Queríamos conocer esta parte de Galicia pero no traíamos nada pensado. Encontramos el área y pasamos aquí la noche. Hoy vamos a Ferrol y después iremos a Coruña, pero antes visitaremos unos bosques (as Fragas do Eume). Después recorreremos la costa e iremos a Santiago”, explicaba unha familia madrileña que non dubidou en cambiar de idea cando se lle explicou que en menos dunha hora de camiño podían visitar o polo de peregrinación tradicional de Santo André de Teixido e tamén o mirador de Garita de Herbeira, pendurado sobre os cantís máis altos da Europa continental.
Entre as e os turistas que fixeron hoxe noite en San Sadurniño atopamos, ademais, xente que recuncaba. Outra familia, neste caso de Euskadi, xa percorrera hai oito anos os principais puntos de interese da zona e desta vez regresaron para participaren no Gulliver Fest, que celebra a cultura viaxeira no muíño de Pedroso, en Narón, durante toda esta fin de semana. “No conocíamos este área, y está muy bien, con lo básico que necesitamos y en un entorno muy tranquilo”, explicaban, mentres outro campista chegaba á furgoneta do lado cunha rosca doce e unha empanada da panadería Inxerto.
As instalacións ofrecen de balde dous puntos de carga e descarga de auga, ademais da opción de pernoctar no campo anexo. Pero un dos seus principais atractivos é precisamente a proximidade de servizos. A 200 metros panadería, nun radio de 400 tres establecementos -Pascual, Calvo e a Cooperativa de Meirás- para abastecerse de alimentación e todo tipo de produtos, cinco locais hostaleiros -A Granxa, O Ferrador, Del Palacio, Atrium e DZINE- e, tamén importante, en pouco menos de 300 metros, farmacia, Centro de Saúde e posto da Garda Civil.
Outro dos alicientes para deterse en San Sadurniño é o propio espazo ambiental da Cortiña e a Fraga Máxica, tan agradecida por quen viaxa con rapazada. “A Fraga Máxica é unha pasada, os nenos pasárono bomba”, explicaba unha familia do Rosal, en Pontevedra, que viaxa con tres crianzas de idades comprendidas entre os 7 meses e os 10 anos.
Xa coñecían a zona pero non a área de autocaravanas, que están empregando como base de pernocta para visitar outros lugares. “Aquí telo todo moi cerca, panadería, restaurantes. Onte fomos xantar á Granxa, e á tardiña fomos tomar algo a DZINE e tamén estivemos na presentación dun libro. Nós é o que buscamos, ver cousas e vivir experiencias, non somos turismo de irnos tirar a unha praia”.
Unha noite, non máis
O habitual é que as autocaravanas e furgonetas, camperizadas ou non, cheguen á tardiña, pasen a noite e marchen a primeira hora da mañá. “Esa foi a filosofía coa que se construiu a área de servizos”, comenta o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela. O edil destaca o éxito dun equipamento que leva tres anos funcionando “cada vez con máis usuarias, sobre todo, como é lóxico, neste mes de agosto, aínda que tamén durante o resto do ano”.
No momento de abrir a instalación, o Concello puxo en marcha un formulario en liña, de carácter voluntario, para facerse unha idea do número aproximado de caravanistas e para recoller propostas de mellora. “O formulario non é obrigatorio cubrilo, pero si que é de moita axuda para nós e nel aparecen todo tipo de propostas. Nos últimos días recibimos sete mensaxes, todas dándonos os parabéns pola área e unha delas pedindo que se instalasen uns aseos. Neste sentido temos que dicir que a área non é un cámping, é só iso, unha área para deterse o mínimo, como moito facer noite, e despois proseguir camiño”.
Manolo Varela recálcao unha vez máis: “Queremos insistir en que non é un cámping nin un lugar onde botar días e días, esa non é a súa función e queremos que siga sen selo”, explica Manolo Varela ao respecto de “casos puntuais” de estadías de autocaravanas que botan varios días sen moverse do sitio. Con todo, Varela tamén insiste en que esas situacións danse “moi poucas veces” e que, en xeral, a área de servizos é utilizada coa finalidade para a que foi concibida.
Varias melloras en proxecto
De cara ao futuro, e sen mudar esa finalidade, o Concello proxecta que a área sexa máis funcional e que teña maior capacidade, dentro do proxecto financiado polos Convenios da Transición Xusta co que se vai mellorar o equipamento de toda a Cortiña e do paseo fluvial. O investimento total ascenderá a 493.000 euros. Unha parte desta cantidade destinarase á construción dun aparcamento contiguo de algo máis de 1.000 m² e 10 prazas de capacidade, dúas delas de tamaño dobre.
Esta nova superficie -próxima aos 1.400 metros- tamén contará cunha zona de tránsito e manobra perfectamente acondicionada, cun punto para a limpeza e mantemento básico de bicicletas e cunha marxe arborada e con bancos. O espazo “camper” formará parte dunha actuación moito máis ambiciosa que prevé, entre outras novidades, unha caseta de apiterapia, equipamento para a conservación das froitas da horta “Carlos Fornos”.