Friday 22 de November de 2024

Vetusta Morla, Triángulo de Amor Bizarro e The Rapants pechan unha exitosa edición musical do Festival Noroeste Estrella Galicia


Case 20.000 persoas asistiron aos concertos dos escenarios de Arcárraga, San Antón, Campo da Leña e Santa Margarida

Leti da Taberna, Celso Sanmartín e Fran Amil conforman a programación escénica do sábado

 

O sexto día do Noroeste Estrella Galicia despedirá a programación musical no seu escenario máis espectacular: a praia de Riazor. A xornada comezará coa actuación dos galegos Triángulo de Amor Bizarro, recoñecidos a nivel nacional polas súas composicións de indie rock. Seguirá Vetusta Morla, unha das bandas máis emblemáticas do panorama musical nacional e iberoamericano, que recentemente anunciaron un descanso ata 2026, facendo desta data no calendario coruñés unha ocasión aínda máis especial. A noite, e con ela os concertos desta edición, pecharase con The Rapants, unha explosión de enerxía e ‘bo rollo’ en forma de puro rock en galego sobre o escenario.

O Goberno de Inés Rey aposta un ano máis por unha ampla variedade musical e de estilos neste Festival Noroeste Estrella Galicia, que conta con grandes figuras internacionais e nacionais e tamén con oco para artistas emerxentes. Ademais, a configuración de distintos escenarios permite á cidadanía gozar dos concertos en espazos únicos. Nas dúas primeiras xornadas de concertos en Arcárraga, San Antón, Campo da Leña e Santa Margarida houbo case 20.000 asistentes, superando a afluencia de público da pasada edición nestes espazos.

Na programación escénica, serán tres os emprazamentos nos que se celebrarán tanto ‘Contos ao Noroeste’ como ‘Noroestiño’. Cita dobre para os contos, con Leti da Taberna na praza do Humor ás 13:00 horas e Celso Sanmartín na praza das Bárbaras ás 19:00 horas.

Fran Amil fará o propio para a cativada nos Xardíns de Méndez Núñez, tamén ás 19:00 horas.
Continúa, ademais, o Mercado de Discos do Noroeste, que naceu da man de Nonito Pereira co obxectivo de establecer un punto de encontro musical en A Coruña. Este evento reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluindo vinilos e CDs. Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LPs, CD’s, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas de algúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas. O horario será de 11:00 a 20:00 horas.

Por outra banda, o domingo continuarán as artes escénicas da programación do Festival Noroeste Estrella Galicia. Ás 13.00 horas na praza de Pontevedra actuará Marita Martínez, dentro da sección Contos ao Noroeste. Á mesma hora, nos xardíns de Méndez Núñez, estará Magín Blanco e a Banda das Apertas, dentro da sección Noroestiño. Pechará esta edición o espectáculo de humor de Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo e Lucía Veiga, que se celebrará no parque de Santa Margarida ás 20.00 horas e para o que xa están vendidas todas as entradas.
Programación completa por días
Sábado 10
Concertos (Praia de Riazor):
21:00h – Triángulo de Amor Bizarro
23:00h – Vetusta Morla
01:00h – The Rapants
Contos ao Noroeste:
13:00h – Leti da Taberna (Praza do Humor)
19:00h – Celso Sanmartín (Praza das Bárbaras)
Noroestiño:
19:00h – Fran Amil (Xardíns de Méndez Núñez)
Domingo 11
Contos ao Noroeste:
13:00h – Marita Martínez (Praza de Pontevedra)
20:00h – Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga (Santa Margarida)
Noroestiño:
13:00h – Magín Blanco e a Banda das Apertas (Xardíns de Méndez Núñez)