Friday 22 de November de 2024

O Concello pecha os trámites legais e executa a roza dunha finca privada en San Pantaleón para rematar cun problema histórico


 Os servizos xurídicos municipais tiveron que realizar numerosos trámites para localizar aos propietarios ante a falta de actualización do Catastro

 O executivo local ordenou os traballos para hixienizar a finca, que xeraba incomodidade ao resto da veciñanza ante a falta de mantemento, e agora derivará a factura á persoa titular da propiedade

O Concello de Paderne vén de executar a roza dunha finca de titularidade privada en San Pantaleón. O espazo, que levaba anos sen mantemento, xeraba incomodidade á veciñanza ao estar situado nun núcleo con relativa densidade de poboación. Precisamente por iso, desde o goberno local puxéronse en marcha os trámites precisos para localizar aos propietarios actuais.

Finalmente e a pesares da falta de actualización do Catastro, os servizos xurídicos do Concello de Paderne lograron pechar as xestións burocráticas necesarias para actuar. Unha actuación que chegou esta mesma semana e que consistiu na corta da maleza a través dos medios contratados polo executivo municipal. Agora, o Concello derivará a factura, de 874 euros, á persoa titular da propiedade privada.
“Lamentamos as molestias que tiveron que padecer os veciños e veciñas, que tiveron que sufrir unha longa demora. Pero finalmente, grazas a un enorme traballo dos nosos servizos xurídicos, se solucionou a situación e acabamos cun problema histórico, que levaba máis dun lustro xerando dificultades no día aos residentes da zona”, apuntou o alcalde, Sergio Platas.

O rexedor quixo lembrar que esta actuación nunha propiedade privada é “excepcional” e tan só se puido executar “despois dunha intensa labor burocrática, que foi o que provocou o retraso”. Neste sentido, Platas explicou que grazas a este traballo xurídico, a veciñanza non terá que pagar os custos desta roza.