Friday 22 de November de 2024

O museo Caseta de Pepe do Cuco de Carnota supera as cincocentas visitas en dous meses


Trátase do primeiro museo automatizado de Galicia que funciona 24 horas ao día, 7 días á semana e que garante o acceso á cultura á veciñanza de Carnota e turistas

A Caseta de Pepe do Cuco, primeiro museo automatizado de Galicia, recibiu un total de 531 visitas, distribuídas en 172 entradas automatizadas, desde a súa apertura ao público en xuño e ata o día de onte. A entrada ao museo é libre todos os días do ano, durante 24 horas ao día, e faise a través dun código QR e un formulario no que se pode elixir o idioma no que facer a visita (dispoñible ata o momento en galego, castelán e inglés). Unha vez no interior, un sistema automático de vídeo, son e iluminación guía aos visitantes pola historia mariñeira de Lira ata a finalización da visita, que dura unha media de 23 minutos.

O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, asegura que “o comportamento do museo nestes meses parece confirmar que o obxectivo básico desta instalación estase a conseguir e non é outro que garantir o funcionamento cotiá do museo, independentemente de que o Concello de Carnota ou calquera administración poida destinar os recursos para mantelo aberto ao público”. Así mesmo, o alcalde engade que “agora calquera persoa que veña a Carnota, en calquera momento do ano vai poder ter acceso á historia mariñeira do noso concello, algo que non é posible en ningún outro lugar”.

Pola súa banda, Roberto Sueiro, integrante do equipo que deseñou e produciu a nova instalación, sinala que “como ten un sistema de entrada automático e un plantexamento moi audiovisual, todo o mundo centra a súa atención na tecnoloxía. Pero isto é secundario. O realmente importante é que conseguimos poñer en funcionamento un servizo cultural que xa funciona 24 horas ao día, 7 días á semana, garantindo o acceso á cultura aos veciños de Carnota, da Costa da Morte e aos seus visitantes”.

No interior do museo combínanse obxectos reais restaurados, maquetas e pantallas de TV, nas que veciños e veciñas de Lira contan historias da Caseta e da vida dunha vila pesqueira dende os anos 30 do século pasado, momento no que foi construída por Pepe do Cuco. Despois de superar con éxito o período final de probas, que se estendeu entre os meses de abril e maio, durante os meses de xuño e sobre todo xullo as visitas ao Museo experimentaron un incremento notable de público procedente doutras autonomías e do estranxeiro.

O actual museo substitúe á instalación feita a finais dos anos 90, que quedara arruinada pola imposibilidade de destinar persoal e recursos para o seu mantemento. O proxecto financiado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible non puidera ser visitado ata o momento polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que o fixo onte mércores no marco dunha visita a outros proxectos e instalacións financiados por este organismo dependente da Consellería. Villares estivo acompañado na visita pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e pola xerente do GALP Costa Sostible, Manuela Oviedo. Tras a visita á Caseta de Pepe do Cuco, o conselleiro destacou a “necesidade de buscar fórmulas de posta en valor da cultura mariñeira” e “o valor dos formatos áxiles e didácticos como a o da Caseta de Pepe do Cuco”.

A automatización da Caseta do Cuco é un proxecto promovido polo GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, en colaboración coa Consellería do Mar, o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e o Concello de Carnota.