Friday 22 de November de 2024

Xogos, Obradoiros e Contacontos en catro idiomas na programación da primeira edición do Divercamp


Participan nesta semana 50 rapaces no pavillón do IES Agra de Leborís.

Neste semana está a ter lugar no pavillón do IES Agra de Leborís da Laracha a primeira edición do Divercamp, a principal novidade do programa municipal de verán, que comezou o luns e rematará o venres. A actividade comeza cada día as 9:30 h e remata ás 13:30 h.
O Concello programou este novo campamento dirixido ao alumnado de infantil e primaria co dobre obxectivo de ofrecerlles aos cativos unha proposta de actividades lúdicas e educativas e, aos seus pais, unha opción para a conciliación da vida persoal e laboral.
Durante os cinco días os contidos céntranse na realización de xogos, traballos manuais, contacontos e obradoiros de temáticas relacionadas coa música, a intelixencia emocional, a expresión corporal e a robótica. Unha das características de Divercamp é que as actividades se realizan en catro idiomas, sendo algunhas delas en galego e outras en castelán, inglés e francés, co propósito de reforzar a aprendizaxe de todas as linguas.
Participan en Divercamp cincuenta rapaces que cobren todas as prazas ofertadas. Hoxe recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Ensino, Cultura e Deportes, Patricia Bello.