Veciña da Laracha de quince anos de idade, competiu representando ao SAL nos nacionais celebrados en Castellón.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, recibiron hoxe no Concello a Iria Barreiro Matos, veciña da Laracha de 15 anos de idade que vén de proclamarse campioa de España na proba de sprint en categoría xuvenil nos campionatos nacionais de verán disputados na praia de Gurugú do municipio de Benicarló, ao norte da provincia de Castellón.
Iria Barreiro compite co Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) desde os nove anos de idade. Durante a temporada de inverno adestra na piscina municipal da Laracha e no verán, na praia de Caión e tamén no lago das Encrobas de Cerceda. En época de competición realiza sesións de adestramento seis días á semana. No mes de agosto está a tomarse un merecido descanso.
No campionato celebrado en Castellón, ademais do primeiro posto en sprint foi sétima clasificada nacional en bandeiras, mesma proba na que acadou un terceiro posto nos campionatos galegos que tiveron lugar en Dumbría.
O alcalde e a concelleira fixéronlle entrega a Iria Barreiro dun detalle institucional en recoñecemento aos resultados obtidos que “puxeron á Laracha no máis alto do salvamento e socorrismo a nivel estatal”, pero tamén ao esforzo e traballo diario que está detrás deles, animándoa a continuar adestrando e competindo coa mesma ilusión.