Friday 22 de November de 2024

Avanzan as obras de remodelación da escalinata de Adelaida Muro, en Monte Alto, onde o Concello instalará escaleiras mecánicas para mellorar a accesibilidade


Xa se están a executar as demolicións necesarias para reconfigurar o percorrido coa rúa Ángel Rebollo. As escaleiras mecánicas estarán cubertas con pranchas de metacrilato, para protexer as persoas usuarias ante a climatoloxía

Xa están en marcha as obras de remodelación da escalinata de Adelaida Muro, unha intervención na que o Concello leva a cabo un investimento de 1,1 millóns de euros e que suporá, como medida máis destacada, a instalación de tres treitos de escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel existente coa rúa Ángel Rebollo, en Monte Alto, mellorando así a accesibilidade neste enclave.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou a importancia desta actuación, “tanto polo tránsito peonil habitual na escalinata, por ser unha vía de conexión clave entre as rúas do sector sur de Monte Alto, O Matadoiro e o paseo marítimo, como polo desnivel actual”. Cómpre destacar que, a día de hoxe, a escalinata conta con medio cento de chanzos con pendentes de entre un 3,5 e un 10%.

Por iso, o Concello acometerá a reconfiguración integral deste percorrido peonil coa instalación, no seu corredor central, de tres treitos de escaleiras mecánicas cubertas por pranchas de metacrilato, que servirán de protección tanto ás persoas usuarias como aos propios elementos electromecánicos das escaleiras, ante os fenómenos meteorolóxicos.

O plan de traballos comezou recentemente con actuacións no sector dereito da escalinata, onde xa se están a executar os picados preliminares no pavimento dos relanzos. O obxectivo é intervir a ambos os lados do corredor central, demolendo toda a escaleira para remodelar a súa distribución actual e reducir as pendentes dos relanzos intermedios, necesarios para dar acceso aos sete portais existentes aos lados da escalinata.
Díaz destacou “o compromiso do Goberno de Inés Rey para seguir actuando en todos en barrios e garantir melloras de accesibilidade que supoñen un beneficio para toda a veciñanza”, e apuntou,
ademais, que na convocatoria de fondos Next á que se presentou o proxecto de Adelaida Muro tamén se captou financiación para reurbanizar a rampla do Matadoiro, a escasos metros da escalinata. Estas obras tamén están en marcha.