Belén do Campo fixo balance das actuacións realizadas arredor desta iniciativa, que contou cunha dotación orzamentaria en Galicia de máis de 130 millóns de euros no período 2016-2024 que se traducen en máis de 4.280 quilómetros de vías rurais melloradas
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Malpica, Eduardo Parga, visitou hoxe esta localidade e salientou alí o investimento do Plan de mellora de camiños rurais, dotado con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025 en toda Galicia, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, están previstas dúas actuacións no Concello de Mapica por mais de 70.000 euros nas parroquias de Cerqueda e Leiloio unha na pista de Pozacas e a segunda na pista da Pedrosa. Na visita a delegada comprobou a actuación realizada, o ano pasado, con estas mesmas axudas, dunha primeira actuación na pista das Pozacas, que contou cunha axuda de 60.000 euros por parte do Goberno autonómico.
O financiamento faise con fondos Feader, con cargo ao Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e son subvencionables camiños de acceso a núcleos rurais de poboación. A delegada da Xunta informou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibirán estas axudas 15 concellos por un importe total de case 1 millón de euros.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de vida e traballo no medio rural xa que o fortalecemento das infraestruturas facilita a accesibilidade e vertebración do territorio, reforza o tecido social, contribúe a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamiza o tecido produtivo e fixa a poboación. Así, estas axudas promoven a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños que forman parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Nesta liña, o Plan de mellora de camiños permite garantir e potenciar o tránsito de vehículos e maquinaria.
Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan de mellora de camiños rurais ten unha traxectoria que se remonta a 2013 e este ano, por primeira vez, compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros.
En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños rurais repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.
PROMOTOR | TOTAL AXUDA 2024-2025 | TITULO PROXECTO 1 | TITULO PROXECTO 2 |
CAMARIÑAS | 47.011,00 € | PROXECTO BÁSICO E DE EXECUCIÓN PARA MELLORA DO CAMIÑO RURAL BRAÑAS DE TASARAÑO (XAVIÑA – CAMARIÑAS) | PROXECTO BÁSICO E DE EXECUCIÓN PARA MELLORA DO CAMIÑO MUNICIPAL DE ACCESO A PARCELAS AGRÍCOLAS EN ESTIVADAS (XAVIÑA – CAMARIÑAS) |
PONTECESO | 62.065,00 € | MELLORA DOS CAMIÑOS MUNICIPAIS NA PARROQUIA DE PAZOS | |
CORISTANCO | 83.162,00 € | AFIRMADO E MELLORA DA CAPA DE RODADURA DE CAMIÑOS NAS PARROQUIAS DE XAVIÑA, SAN XUSTO, SAN PAIO E OCA | |
CORCUBIÓN | 24.707,12 € | AMPLIACIÓN E MELLORA DO CAMIÑO CORCUBION QUENXE | |
A LARACHA | 89.216,00 € | MELLORA DE CAMIÑOS MUNICIPAIS DE ACCESO A PARCELAS AGRÍCOLAS 2024-2025 (CONCELLO DE A LARACHA) | |
ZAS | 78.063,00 € | MELLORAS DE CAPA DE RODADURA EN PUDENZA, BRANDOMIL E GOMARÍS | |
DUMBRÍA | 74.979,00 € | MELLORA DO VIARIO DE OLVEIRA A LUCÍN E OUTROS | |
CARBALLO | 96.273,00 € | MELLORA DE CAMIÑOS MUNICIPAIS 2024. OZA | MELLORA CAMIÑOS MUNICIPAIS 2024. GOIÁNS E RUS |
CEE | 54.414,00 € | MELLORA DE VIARIOS EN A CARBALIZA | |
FISTERRA | 35.014,70 € | MELLORA DA REDE VIARIA ENTRE MALLAS E SAN SALVADOR DE DUIO | |
VIMIANZO | 79.130,00 € | MELLORA VIARIO ACCESO CASTROMIL E OUTRO | |
MUXÍA | 85.512,64 € | REHABILITACIÓN DE CAMIÑOS MUNICIPAIS | |
MALPICA DE BERGANTIÑOS | 70.984,46 € | MELLORA CAMIÑOS MUNICIPAIS PARROQUIAS CERQUEDA E LEILOIO: ACTUAC1ª PISTA POZACAS ACTUAC 2ª PISTA DE PEDROSA | |
CABANA DE BERGANTIÑOS | 83.637,00 € | MEJORA DE CAMINOS MUNICIPALES DE ACCESO A PARCELAS AGRICOLAS 2024-2025 | |
LAXE | 58.046,68 € | MELLORA DE CAMIÑOS RURAIS NA PARROQUIA DE SERANTES | |
15 | 1.022.215,6€ |