Friday 22 de November de 2024

Concello e Xunta investirán 60.000 euros na mellora enerxética do polideportivo do Forte


Diego Calvo e Ovidio Rodeiro visitaron as melloras que se prevé realizar ao abeiro das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá o pavillón polideportivo do Forte para coñecer as actuacións de mellora da eficiencia enerxética que se prevén realizar co apoio da Xunta. O Goberno galego colabora cunha achega de preto de 60.000 euros no marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes, que suporá actuacións en case un cento de entidades locais da comunidade.

“As actuacións que se levarán a cabo serán as encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética da instalación a través do cambio do revestimento da fachada, aplicación de pintura hidrófuga e a posta en marcha dun equipo de aire-auga de bomba de calor que permitirán resolver os problemas que estaban a xerar as envolventes”, explicou Ovidio Rodeiro durante a visita ao polideportivo municipal. Unhas actuacións enmarcadas nesta liña de axudas, dotada con 5 millóns de euros e destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas coma a visitada hoxe ou para servizos educativos, sociais ou sanitarios. De feito, Boqueixón é un dos 28 municipios da provincia beneficiarios desta liña de axudas por máis de 1,5 millóns de euros e un dos seis da comarca de Santiago (xunto con Boimorto, Frades, Ordes, Oroso e Padrón) con achegas de máis de 348.000 euros.

Unhas instalacións moi utilizadas

O concello de Boqueixón recibiu nos últimos anos máis de máis de 682.200 euros a través das distintas liñas de apoio no eido local. De feito, a Xunta xa destinara o ano pasado outros 65.000 euros no marco doutras liñas de axudas do fondo adicional do FCL destinados a mellorar a iluminación deste mesmo pavillón, unha das instalacións deportivas máis utilizadas do municipio. “Máis de douscentos veciños e veciñas de Boqueixón participaron nas actividades físicas e deportivas para adultos o curso pasado, que teñen lugar na súa maior parte neste pavillón do Forto. Unha cifra que supón un significativo incremento con respecto ao curso pasado e que mesmo nos obrigou a organizar máis grupos e habilitar máis horarios, polo que todo o que poidamos aforrar en eficiencia enerxética será benvido”, apuntou o alcalde de Boqueixón.

Ademais de recibir axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, Boqueixón é tamén un dos 185 municipios galegos beneficiarios da orde de axudas de 1,5 millóns de euros da Xunta coa que apoiar ás entidades locais nos gastos da contratación de persoal de socorrismo durante os meses de verán.

Apoio ás entidades locais

Diego Calvo puxo en valor o apoio da Xunta ás entidades locais a través de distintas liñas de axudas que facilitan melloras en infraestruturas, no eido ambiental e en servizos locais básicos para a veciñanza. Así, o investimento global previsto para este ano da Xunta aos concellos supera os 602 millóns de euros, dos que 152 corresponden ao Fondo de Cooperación Local (FCL), e á súa vez, nesta contía diferéncianse os 112 millóns do fondo base e os 39,3 millóns de euros do fondo adicional no que se enmarca a liña de axudas de 5 millóns coa que se financian melloras de eficiencia enerxética como a prevista en Boqueixón.

A este apoio ao eido local a través do FCL súmanse outras liñas de axudas da Administración autonómica como, no que se refire á Dirección Xeral de Administración Local, outras convocatorias como a Orde de infraestruturas de uso público (3,5 millóns de euros), o Fondo de Compensación Ambiental (11 millóns de euros) ou a nova orde plurianual financiada con Fondos Feder a prol da eficiencia enerxética nas infraestruturas municipais (5,3 millóns de euros).