Friday 22 de November de 2024

A Xunta realiza labores de conservación e mantemento no río Mero, ao seu paso polos concellos de Abegondo e Oza-Cesuras


As tarefas céntranse nun treito de 580 metros e inclúen a roza puntual e selectiva de arbustos nos accesos e a retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento no río Mero, ao seu paso polos concellos coruñeses de Abegondo e de Oza-Cesuras. Os traballos desenvolveranse nun tramo de 580 metros da canle fluvial localizado nas parroquias de Santiago de Meangos (Abegondo) e de Santa María de Cuíña (Oza-Cesuras).

As tarefas consisten na retirada de árbores e biomasa presentes no leito do río para evitar atoamentos, así como na execución de labores de roza puntual e selectiva de arbustos no acceso á canle.

As actuacións sobre o terreo, que xa foron comunicadas a ambos concellos, prolongaranse durante aproximadamente dúas semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor e mais un camión.

Unha vez finalizadas as obras previstas para os vindeiros días, este tramo do río Mero quedará despexado dos obstáculos que dificultaban a circulación fluída e con normalidade das súas augas.

Cómpre lembrar que o organismo autonómico desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

O obxectivo é avanzar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.