Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño desvela o programa completo da XV Feira Rural


O evento celebrarase na leira da Cortiña o sábado 31 de agosto

A Feira Rural de San Sadurniño chega neste 2024 á súa 15ª edición como cita máis que consolidada no calendario feiral da comarca e mantendo intacto o seu obxectivo de reivindicar o potencial produtivo e económico das zonas rurais desde a óptica da sostenibilidade. Por iso, o sábado 31 de agosto, na leira da Cortiña, poderemos atopar unha grande variedade de produto fresco e elaborado, maquinaria, flor e planta, artesanía e artigos de segunda man. Ademais tamén haberá obradoiros, degustacións, sorteos, música, baixadas en kaiak polo Xubia e o xa tradicional concurso con premios para os mellores lotes de froita autóctona.

Na feira combínanse case a partes iguais o comercio de proximidade e as actividades orientadas ao lecer, coa finalidade de que a xente de dentro e fóra de San Sadurniño pase un día agradable á beira do Xubia ao tempo que merca produto da máxima calidade.

Así, para a cativería hai preparados dous obradoiros relacionados coa creación e a igualdade, ademais de poder gozaren dos descensos en kaiak polo Xubia (tamén para persoas adultas). Tamén para todas as idades están programados xogos tradicionais e as actuacións musicais de Oli Xiráldez e Gustavo Couto -co espectáculo “O cego na feira”- e dos Campantes da Baña, quen repasarán durante a tarde o seu repertorio.

De novo poderemos visitar a horta de froiteiras -con explicación de enxertados e podas- e o colmear didáctico. Completan a oferta da xornada as degustacións de froita e produtos da Fusquenlla, os sorteos e a exposición/concurso monográfico da Raza Can de Palleiro, da que en breve se publicará toda a información na web do club.

Na feira poderase xantar a prezos populares, aínda que tamén é boa opción traer a merenda para comer á sombra do paseo fluvial ou ben reservar en calquera dos restaurantes locais.

Reserva de postos e concurso de froita
Os expositores e expositoras que queiran participar na XV Feira Rural teñen até o 23 de agosto para presentar as súas solicitudes, indicando os metros que precisan para asentar os seus postos. Teñen que cubrir o formulario normalizado e rexistralo presencialmente no Concello -en horario de mañá de luns a venres- ou ben pola Sede Electrónica (adxuntando a folla a unha solicitude xenérica). Tamén se pode mandar por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”.

O listado de asistentes publicarase o día 26 e o día do evento é obrigatorio presentar o resgardo de pagamento da taxa correspondente.

Por outra banda, durante a mañá da feira tamén se desenvolverá o concurso da froita autóctona. As inscricións neste caso hai que facelas o mesmo día, no momento de presentar os lotes para a exposición. As bases poden descargarse desde esta ligazón.

Todas as persoas participantes no concurso levarán como agasallo unha froiteira do país e os tres mellores lotes recibirán como premio cadanseu vale de 100 euros canxeable nun establecemento local. Eses tres cestos ganadores quedarán en poder da organización para ser sorteados entre o público antes da clausura da feira.

A XV Feira Rural de San Sadurniño está organizada polo Concello a través das áreas de Desenvolvemento local, Participación veciñal e Cultura. Nela colaboran a AGFA do Eume e a Asociación Casa do Mel. A actividade conta con financiamento da Deputación da Coruña.